Rebeliom do Inframundo: «A música é a nosa maneira de sobrevivir»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

OURENSE

De esquerda a dereita, Pol, Frank, Nervo, Malva e Movementss
De esquerda a dereita, Pol, Frank, Nervo, Malva e Movementss Cedida

O grupo vigués de rap actúa no Café Cultural Auriense, en Ourense, o 13 de abril e o 27 en A Coruña

29 mar 2024 . Actualizado a las 16:04 h.

Inframundo é o nome con que se referían á zona de Ponteareas (Pontevedra) na que se xuntaban de rapaces. Unha década despois, alá polo 2005, os galegos Nervo, Malvares de Moscoso, Frank, Pol e Movementss volvéronse a reunir. Esta vez xa coa idea en firme de facer música e producila eles mesmos. Desa intención e desas ganas por verbalizar os problemas que afogan á sociedade actual, e a eles mesmos, naceu Rebeliom do Inframundo, a banda de rap que triunfa dentro e fóra de Galicia coa súa persoal revolución. O seu último traballo, Amor ou barbárie, veu a luz no 2023 en todas as plataformas dixitais. «Co diñeiro que nos aforramos de sacar o disco físico, estamos traballando en producir un espectáculo moi mellorado, apostando pola luz, o deseño e o son nos directos», explica Frank, produtor da banda. Este álbum fala precisamente desa insurrección que leva por lema o grupo e de moitos pactos de amor, que para estes rapaces son precisamente o que move o mundo. «Vivimos nunha sociedade na que non temos nin tempo para amarnos a nós nin a todos e a todo o que nos rodea. Estamos dominados por un sistema no que prima o aquí e agora e, pode que por iso, cada vez haxa máis ansiedade, depresión e estrés. Pero tamén perdemos a capacidade de gozar e de sentir as pequenas cousas. Nós, co que facemos, tratamos de loitar por conseguir frear ese ritmo e amarnos como é debido», afirma Nervo, letrista e vocalista principal do grupo.

Despois dun verán cheo de citas nos principais festivais galegos, e de petalo, logo de algún imprevisto, na Candeloria, en Lugo, a principios de marzo, Rebeliom do Inframundo presenta agora o seu directo en salas pequenas. O grupo vigués dará un concerto no Café Cultural Auriense, en Ourense, o próximo día 13 de abril, e outro o 27 na Sala Filomatic da Coruña. «Penso que o directo é un dos nosos puntos fortes porque xeramos un movemento, unha intención e unha actitude común. Cando nos subimos ao escenario non somos só nós os cinco, facemos un equipo co público e fórmase unha simbiose moi bonita», di Malva, como chaman todos a Malvares. El é o outro vocalista desta banda, na que todos os membros teñen un obxectivo común. «Facemos música como forma de vida. É a nosa maneira de comunicarnos e de sobrevivir», apunta Nervo

Din que teñen un estilo moi paixonal (o que outros chaman hardcore) e que o camiño non foi para nada sinxelo nestes vinte anos de traxectoria que os avalan. Pero tamén aseguran que non van a abandonar e que, como boa rebelión, persistirán pase o que pase. «Nós imos a seguir. E a meta non é ónde estamos agora, é moito máis alta», asegura Nervo. «Cando comezamos, a música en galego estaba aí, máis non tiña tanta repercusión coma hoxe en día. Penso que agora estamos nun momento imparable, que existe unha amplísima variedade en todos os xéneros e que ademais a música en galego gusta e se consume», acerta Malva. «Eu sinto o mesmo, que é un momento moi forte para o que se produce na nosa lingua, e iso é grazas aos grupos que seguiron producindo e ao público que os apoiou. Agora non é só tradición ou rock bravú, o galego está presente en todas as vertentes musicais e iso é o que nos fai medrar», explica Pol, o DJ de Rebeliom.

Compromiso en galego

As letras do grupo vigués falan de amor, sempre, pero tamén hai referencias políticas, sociais e ata relixiosas. O que fai Rebeliom é tratar de avivar a cultura, mentres reivindica a importancia de que teña o seu espazo na sociedade. Precisamente a súa posición política custoulles algunha que outra mala pasada. «Si que nos temos atopado con que algunha institución se negue a pagar a un grupo coma o noso, pero a verdade é que non nos importa. Non facemos isto por eles, ao contrario, e entón seguimos o noso camiño tan tranquilos», afirma Nervo. «Ao final nós musicalmente medramos así, facendo a música que nos move por dentro, sen ningún tipo de apoio directo, así que somos totalmente libres para facer o que queiramos», amplía Frank. As letras son cousa de Nervo, que di que escribir é básicamente «reunir a valentía de arriscarme a desgarrarme por dentro». O resto do grupo encárgase de darlles forma a esa lírica e convertela nos temas que rematan sendo.

Amor ou Barbárie naceu na pandemia. «A corentena para min tivo cousas boas, deume moito tempo para escribir, e cousas malas, que non tiña vivencias que contar», admite. Todo iso se traduciu en 17 temas que transitan polo amor e polo odio, que navegan nas entrañas e tratan de mobilizar as emocións de quen os escoita. O proceso creativo do álbum foi moi similar ao que aconteceu cos tres anteriores. Ao papel inicial que presenta Nervo, Malva engádelle algún verso ou arranxo. Frank fai o instrumental e Pol encárgase do «scratch», unha técnica utilizada para producir sons. «Non sempre pensamos o mesmo», admite Pol. «Pero chegamos a acordos polo ben do grupo, ademais de que somos como da familia e entendémonos ben», engade Frank. Este grupo ama o que fai e iso é algo que repercute nas súas cancións, onde mesturan as súas bases de rap sobre distintos ritmos, ás veces de reguetón ou de bachata, e colaboran con todo tipo de artistas, como a poeta Iria Medraño ou a rapeira Wöyza.

«Sen a música morro»

Os cinco membros de Rebeliom din que se inspiran no cotiá, no día a día, na vida e na morte. «Penso que amor ou barbarie é un concepto de vida, unha elección persoal case diaria, e dende as miñas propias experiencias achegueime moitísimo ao que queriamos entregar», admite Malva. O grupo, de toda a súa produción, destaca o tema Bang bang, que consideran case coma un himno. Aínda que non é boa idea pasar por alto Copérnico, Saudade ou Bachata da morte. «Eu sen a música, morro. Escribir, crear, gravar e cantar é a miña única forma de exteriorizar o que sinto, e se non o fago, afogo. Iso si, prefiro morrer sobre o escenario nun concerto de Rebeliom, que facelo na cama», asume Nervo.

A pesares de encher os espazos cada vez que tocan, de ser cabeza de cartel en practicamente todos os festivais nos que prima a música do seu estilo e de ter publicados xa catro discos, aos compoñentes de Rebeliom non lles da para vivir. Pol e Malvares traballan en almacéns de maioristas e Nervo e Frank en tendas de telefonía móbil. «Un dos nosos obxectivos é chegar a vivir do noso proxecto, pero somos moitas bocas a alimentar», di Malva. «Somos xente normal, que temos moi claro que o público nos permite seguir creando este soño. Así que cada vez que nos subimos a un escenario é para disfrutar moito e ir a morte», razoa o cantante principal da banda. Iso é o que se sinte nos seus directos, unha vibración forte e constante, que fai latexar o corazón máis rápido e anima ao que salta dende o chan, diante deles, a irmandarse co que está ao lado.

Rebeliom non ocultan as súas ganas de tocar en Ourense. «O Auriense é unha sala mítica, na que sempre nos sentimos na casa, e estamos desexando que chegue o día», di Nervo. «A min preocúpame o licor café, que é moi bo nesa cidade e a xente alí aguántao moi ben», bromea Malva. A cita é o 13 de abril. Ata entón, só queda dicir: Lume e rebelión!