Deseñadoras de Lugo visten a Barbie

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Parte do cartel da mostra sobre deseños para Barbie a cargo de creadoras lucenses
Parte do cartel da mostra sobre deseños para Barbie a cargo de creadoras lucenses CEDIDA

Máis de dez artistas presentan no MIHL creacións orixinais coincidindo coa exposición «Barbie: cine e moda»

16 abr 2024 . Actualizado a las 13:30 h.

Moda para Barbie exclusiva e con selo lucense. É o que presentan once deseñadoras de Lugo que inauguran este xoves, día 18, unha mostra no MIHL ás 18.00 horas. Ánxela Pardo Vázquez (argalleira.art) e Inés Penelas, de INPE, son as impulsoras desta iniciativa, que xurdiu a raíz da exposición Barbie: cine e moda, composta por máis de 180 bonecas de coleccionista, e que continúa aberta no MIHL ata o 1 de maio.

«Ocorréusenos que podiamos facerlle a nosa particular homenaxe a Barbie, deseñando cada unha de nós un traxe para a boneca, con temática libre», explica Ánxela Pardo, que é artista multidisciplinar, especializada en deseños para escenografías. E axiña atoparon deseñadoras que se sumaron á idea. En total, participan once creadoras: Argalleira.art, INPE, Sara Lage, Tina Cortón, Aobá, Con Amor, Chica de Canela, Craft and Tea, Troita de Pé, Montse Arias y Madame Deficit.

A exposición tamén se poderá visitar ata o 1 de maio e aporta un plus á mostra sobre Barbie que leva aberta desde marzo. Nela, pódese observar a evolución da boneca no tempo, a través dos principais títulos da historia do cine, con todas as edicións documentadas e datadas, expostas en urnas de metacrilato e acompañadas de máis de corenta carteis de películas que completan o espazo. Nesta exposición tamén destaca a vestimenta das bonecas, pois, desde a súa creación, Barbie foi vestida polos grandes deseñadores de moda de todos os tempos: Armani, Versace, Pertegaz, Óscar de la Renta, Lorenzo Caprile ou Christian Dior.