A Fundación Casares e a Escola de Arte Dramática achegarán o teatro a nenos e mozos

B.R.S.

VIGO

03 mar 2010 . Actualizado a las 12:00 h.

A Fundación Carlos Casares e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) poñen en marcha Proxecto Toromelos , unha iniciativa de promoción do teatro para a infancia e a mocidade.

O proxecto foi presentado onte na escola viguesa, na que terán lugar tódalas representacións teatrais a cargo de almnos do centro, e contou coa presencia de Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación, que patrocina este programa dirixido aos escolares de toda Galicia. A primeira acción é a estrea de Lela anda en bicicleta , versión teatral do conto de Carlos Casares. A obra ponse en escena mañá ás 16.30 para o público en xeral no auditorio da escola ubicada no novo barrio de Navia, e ao día seguinte os espectadores serán rapaces de dous centros educativos da zona. Despois da presentación, a Fundación Casares establecerá un calendario de actuacións que comezará en Vigo e continuará con outras cidades galegas.

Aproveitando a súa presencia en Vigo, Anxo Lorenxzo anunciou que o seu departamento volverá a asinar o convenio coa Esad e coa editorial Galaxia, para continuar coa biblioteca de textos clásicos teatrais traducidos ao galego.

Actores e autores na escola

Por outra banda, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), colabora coa Escola Superior de Arte Dramática na organización do programa Ciclos . O denominado Memorias do Teatro abre esta programación hoxe cun relatorio a cargo do actor Antón Durán Morris, ao que seguirán as conferencias da actriz, directora e dramaturga Dorotea Bárcena (24 de marzo), do actor, iluminador e director Xulio Lago (14 de abril) e do dramaturgo, narrador oral e director Cándido Pazó (12 de maio). Ademais, a escritora, tradutora e ensaísta María Xosé Queizán inaugurará o vindeiro 16 de marzo o ciclo Dramaturxias.con, que articúlase como un marco de encontro, comentario, análise e reflexión sobre as tendencias contemporáneas no eido da escrita dramática. O 28 de abril a cita será co dramaturgo, actor e director Gustavo Pernas Cora, e o 26 de maio co tamén dramaturgo, ademais de guionista e actor de dobraxe, Raúl Dans.