A batalla de Pontesampaio

VIGO

08 jun 2009 . Actualizado a las 12:02 h.

O mariscal Ney avanza desde o Norte de Galicia, disposto a esmagar a rebelión iniciada en Vigo. Sen problemas, vai retomando poboacións, desde Santiago a Pontevedra. Pero os galegos trazan un plan para resistir. En Pontesampaio, na beira do río Verdugo, plantarán batalla aos franceses. Para a defensa, catro dos arcos da ponte foron cortados. O vadeo do río Verdugo só era posible con marea baixa e en condicións penosas. Río arriba non había opcións para cruzar, agás en Pontecaldelas, onde inmediatamente se destacou un grupo de fusileiros. O capitán George Mackinley, do buque Lively , ancorado preto de Vigo, escribiu un informe ao seu superior en Oporto, narrando os últimos movementos das tropas galegas: «Despois que a división do brigadier La Carrera tomou Santiago e enviou a esta praza (Vigo) 41 arrobas de prata e algúns traidores, retirouse cara a Pontevedra con noticia que recibiu de que o inimigo reunira as súas forzas nas inmediacións da Coruña, e que a de cabalería era considerable. As fortes e continuas choivas puxeran case intransitables os camiños, e botado a perder as municións: nestas circunstancias xulgou convinte o Conde de Noroña, que chegara de Cádiz, retirarse á forte posición de Sampaio, inutilizando a ponte o día 6 (de xuño de 1809)». As forzas do Conde de Noroña están formadas por uns 600 homes armados e 400 paisanos. Pero, durante a xornada dos días 6 e 7 van chegando a Pontesampaio máis voluntarios, de Vigo, Redondela, Porriño, Tui, Baiona... Ademais, más de duascentas pequenas embarcacións chegan á enseada de Rande. Moitas delas son armadas con canóns, para ser empregadas como improvisada artillería contra os franceses. O capitán McKinley envía á zona varios buques, dos que estaban fondeados fronte a Vigo. A Pontesampaio van a lancha canoneira Cadmus , o bergantín portugués O Curioso e o español El Tigre . Tamén acoden outras lanchas canoneiras, baixo mando do capitán Juan de Carranza. Estas unidades, facendo uso dos seus canóns, serán cruciais no desenvolvemento da futura batalla. Namentres, en Vigo, Cachamuíña adopta novas medidas para defender a praza, temendo que Ney logre romper a resistencia en Pontesampaio e se presente de novo na vila olívica. Nos seus desvelos, acada o reforzo do capitán McKinley, que desembarca a 25 mariñeiros e 70 soldados, para reforzar os castelos e murallas. O mariscal Ney chega a Pontevedra o 6 de xuño. Aínda que a súa idea inicial é queimar a cidade, a tradición conta que, contemplando os verdes prados e a igrexa de Santa María sobre o río Lérez, o militar queda abraiado e desiste das súas intencións, exclamando: «!Ah, Pontevedra, a túa beleza desármame!» Coñecendo ao carniceiro de Ney, a anécdota non resulta verosímil. Pero, por tradición, imos aceptala. E así diremos que tanto debeu gustarlle a cidade que decidiu acampar alí, para seguir ao día seguinte a Ponte Sampaio. Pasadas as nove da mañá do día 7 de xuño, aparecen os franceses na zona de batalla. Ney comeza por enviar algúns oficiais, auxiliados por corenta soldados, para que inspeccionen a ponte. Todos son varridos polo fogo de fusilería e de granadeiros, desde a parte galega. Rotas as hostilidades, a partir das once da mañá a batalla é total, con intenso fogo de canón en ambas as ribeiras do río, que ocasiona numerosas baixas nos dous bandos. Mentres os exploradores franceses buscan sen éxito pasos polos que atravesar, río arriba, na mesma ponte o canoneo é constante, aínda que as once pezas do conde de Noroña resisten o fogo francés. O historiador e coronel de artillería José Navas Ramírez-Cuadrado explica por qué non funcionou o ataque de Ney: «En realidade, a posición estaba tan ben organizada que resultaba case inexpugnable de non ser por un ataque de revés seguindo a dirección Ourense-Vigo, que era por onde Ney esperaba inútilmente que aparecese na súa axuda Soult». Como vimos a pasada semana, o outro mariscal francés incumpriu o seu acordo e retirouse de Galicia sen acudir polo sur a pechar as tenaces sobre os rebeldes. Na noite do día 7, Ney foi informado de que, na baixamar, se formaba sobre o río Verdugo un estreito paso. Así que traza o plan de intentalo nesa hora, e de enviar outras forzas a Pontecaldelas, por ver de pasar por alí. No amencer do 8 de xuño, Ney manda numerosas unidades a unha fraga situada sobre a desembocadura do Verdugo, pero as lanchas canoneiras bombardean ás súas tropas. Ao tempo, mentres a súa artillería volve castigar as posicións galegas, intenta vadear o río polo estreito paso que se formou con marea baixa. Pero os seus esforzos resultan inútiles. Os galegos fan unha carnicería coas avanzadas francesas. Ao ver Ney que era imposible cruzar, por non poder vencer ás lanchas canoneiras que estaban na desembocadura do Verdugo, decidiu enviar unha columna sobre Pontecaldelas. Con todo, a ponte de río arriba estaba ben defendida, trabada con pedras e paus para evitar o paso do inimigo, e defendida por artillería, que fixo desistir aos franceses. Así que, vendo imposible cruzar por Caldelas nin por Ponte Sampaio, e tras sufrir numerosas baixas, Ney decide que é preferible unha retirada, tendo en conta que non chega no seu auxilio o mariscal Soult. No amencer do 9 de xuño, os galegos perciben un estraño silencio alén do río. Cautelosamente, envían exploradores, que certifican que xa non hai franceses á vista, agás os que acollen numerosas tumbas cavadas a fume de carozo o día anterior. É a gran victoria sobre os invasores, ademais inesperada. Nos improvisados hospitais vigueses, entran 700 feridos, a meirande parte deles no convento de San Francisco, que volve proporcionar grandes servizos á vila. O mariscal Ney, co seu exército derrotado, convencido xa de que é imposible esmagar á rebelde provincia de Tui, retírase cara a Lugo. En menos dunha semana todas as súas tropas estarán fora de Galicia, seguindo o camiño emprendido antes polo mariscal Soult. Medio ano despois da invasión napoleónica de Galicia, os franceses son expulsados. A Reconquista de Vigo foi decisiva para este éxito que se confirmou nuns días como estes, hai dous séculos, en Pontesampaio.