A longametraxe «O Apóstolo» estreouse no Auditorio coa música en directo

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

18 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Auditorio de Galicia revestiuse con alfombra roxa e despregou todo o artificio necesario para a premier cinematográfica da longametraxe de animación O Apóstolo , unha produción da empresa compostelá Artefacto dirixida polo realizador santiagués Fernando Cortizo, que nunha conferencia de prensa previa á proxección afirmou que chegou a onde se propuxera: «Acabar a película, ese era o reto despois de dez anos facendo curtas en stop-motion , e acabala ben. Esa é a satisfacción. Agora a película vai a Sitges e a partires de aí xa non depende de min». A película estará nos cines en outubro.

Foi unha estrea especial, coa Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra A Nosa interpretando a música en directo, que precisou dunha minuciosa preparación e varios ensaios para sincronizala cos diálogos e as imaxes. A banda sonora, por se o resto da produción fose fácil, foi creada por un dos compositores contemporáneos máis importantes, Philip Glass, que compuxo catro temas que se editaron segundo as necesidades do filme coa música creada tamén expresamente por Arturo Vaquero e Xavi Font, e coa colaboración do zanfonista de Berrogüetto, Anxo Pintos, e a voz de Carlos Childe.

Na intervención ante os medios, Cortizo estivo rodeado dos responsables dos equipos técnicos, que coincidiron en salientar a ilusión coa que traballaron na produción e o reto que supuxo para todos eles materializar un proxecto que é pioneiro en Europa, porque O Apóstolo é a primeira longametraxe de animación realizada mediante a técnica stop-motion estereoscópica. De aí que das 200 persoas que chegaron a traballar durante dous anos na película, a proporción de galegos entre os técnicos de animación e doutros ámbitos perdera peso fronte aos que chegaron de distintos países e que se implicaron ás ordes de Fernando Cortizo sorprendidos, como subliñou o director de fotografía, Collin Miller, do nivel ao que chegaron persoas para as que era o seu primeiro traballo neste campo. Destacou tamén que baten a marca de acabar en tan pouco tempo unha produción tan grande, e de facela cun orzamento de só cinco millóns de euros. O responsable da estereoscopia, Tim Taylor, explicou que traballaron para conseguir que esta técnica de animación funcionara como unha ferramenta narrativa máis.

A historia do filme, ambientada no Camiño de Santiago, mestura misterio, terror e fantasía. Os personaxes, bonecos de plastilina igual que os decorados e toda a ambientación, están creados coas caras de actores, que tamén poñen as súas voces e os interpretan, un cartel de luxo do que son protagonistas Carlos Blanco, Jorge Sanz, Paul Naschy, José Manuel Olveira Pico , Celso Bugallo, Luís Tosar, Atilano Franco, Isabel Blanco, Manuel Manquiña, Víctor Mosqueira, Pedro Alonso, Jacobo Rey e, cunha colaboración, a de Geraldine Chaplin no papel de Dorinda. O Apóstolo saliu adiante cos 450 socios coprodutores a traveso de Internet, e o patrocinio de empresas como Martín Codax, Litonor, NH Hoteles, Gadis, Caixa Galicia, o Concello e o Consorcio de Santiago. Hoxe, ás 13 horas, proxectarán no Auditorio o making of do filme.