Galicia xa conta cun dicionario de etnografía e antropoloxía

La Voz SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO CIUDAD

26 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Museo do Pobo Galego acolleu onte a presentación do Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza , o primeiro dedicado de maneira monográfica a esta temática, obra que ten como obxectivo «dar a coñecer a nosa rica, complexa e interesante cultura tradicional e valorala como se merece». O dicionario, editado por Nigra Trea, é obra de Xosé Ramón Mariño Ferro e Xosé Manuel González Reboredo.

A cultura material, os aspectos sociais, as crenzas, os saberes, a familia, a herdanza, a infancia, a vellez, o casamento, as festas, romarías, a relixiosidade, a literatura oral, a música, a medicina ou a bruxería son algunhas das cuestións antropolóxicas que o dicionario expón. Segundo Xosé Manuel González Reboredo, coordinador do Instituto de Estudos das Identidades, esta obra «vén a cubrir un oco dentro desta área de coñecemento moi importante para Galicia, porque conta cunha cultura propia moi variada, rica e cambiante co tempo, que non está anquilosada».

González Reboredo considera que este dicionario «ten unha tripla utilidade: primeiro, nos dos distintos niveis de ensino, desde o nivel dunha Primaria moi avanzada ata para estudantes universitarios; e, en segundo lugar, para o público en xeral, que o pode consultar para aclarar dúbidas». O terceiro horizonte de utilidade sería «para a xente de fóra de Galicia». Neste sentido, Reboredo coñece a destacados etnógrafos e antropólogos non galegos que moitas veces téñenlle comentado que «non poden entrar a fondo, facíalles falta unha obra onde estivera todo sintetizado para poder facer consultas de urxencia e informarse de temas que doutra maneira é penoso».

O Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza leva entradas e, ao final, un glosario de palabras que presentan dúbidas. Tamén conta cunha longa lista de bibliografía para ampliar temas. O prezo desta nova publicación é de 34 euros.