«Cola Cao identifica un produto dende os 60, pero non está nos dicionarios»

C. P. SANTIAGO/LA VOZ .

SANTIAGO

07 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Toxosoutos presentou en Couceiro o libro ¿Por que o Cola Cao non está no dicionario? Lingua galega e marcas rexistradas , unha investigación divulgativa de Noemí Álvarez e María Rey, profesoras de galego de ensino medio, que constatan que malia a supeditación comercial do galego ao castelán, hai marcas que se lexicalizaron en certas zonas, pero non en Galicia, como Danone para dicir iogur

-¿Teñen resposta ao título?

-Non. Os dicionarios teñen que ir por detrás de palabras que se incorporan á lingua, pero hai marcas que identifican un produto dende hai décadas como Cola-Cao que non está no dicionario, e estano outras máis recentes.

-¿Por que investigaron isto?

-Buscabamos outra cousa e topámonos con aspirina ou rímmel, e por curiosidade miramos se estaba Cola Cao. Así que fixemos un baleirado do dicionario de Xerais e unha comparativa cos da RAG, Século XXI e o dixital Digalego, e non hai coincidencia absoluta. Pensamos que hai que sistematizar, e facelo tamén coa pronuncia, sobre todo con palabras doutras linguas, que son a maioría.

-¿Que marcas son comúns no léxico e faltan nos dicionarios?

-Propoñemos dezaseis, entre elas Coca Cola, Tipex, Betadine, Albal, Velux, Nocilla ou Barbie, e Cola-Cao.

-¿Agardan que prospere?

-Nós non sancionamos palabras, facemos unha achega que terá que valorar a Real Academia.