«Con xenio nácese, pero o talento para escribir haino que traballar e ter ilusión»

C.P.

SANTIAGO

10 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A escribir relatos e novelas tamén se aprende. Nas tardes dos venres deste mes e durante dúas horas e media, o escritor Xosé Monteagudo imparte un taller de narrativa a un grupo de alumnos de distintas idades e aspiracións. O autor das novelas As voces da noticia , Esta historia e Un tipo listo , di que é fundamental ter afección pola literatura, «porque como dicía Fluabert, o xenio dáo Deus, nácese con el, pero o talento, neste caso para escribir, haino que traballar e ter ilusión»

-¿Que programa lles vai ensinar?

-Trátase de mostrarlles as técnicas narrativas e os estilos literarios, de ensinarlles a traballar a estrutura, puntos de vista e outros elementos básicos da arte narrativa. Pero ademais da teoría, en cada sesión faremos exercicios prácticos.

-¿Basearase na súa experiencia?

-Si, porque se ben hai uns coñecementos teóricos lóxicos dos que partir, é evidente que do que mellor lles podo falar é froito da miña experiencia como escritor, porque aparte de facer ficción un autor reflexiona.

-¿Dos erros apréndese?

-Si, e van ter que aprender deles, como todo o mundo, pero hainos que se poden evitar, e por iso un dos obxectivos que me propoño é aforrarlles aos que queiran escribir que cometan algúns habituais cando se empeza.

-¿Imparte estes talleres a miúdo?

-Din algúns obradoiros coma este, pero sempre foi en institutos. É a primeira vez que vou dalo nunha biblioteca e uns alumnos máis diversos.