Sete compañías de España e Portugal estarán no Festival de Teatro Universitario

La Voz

SANTIAGO

24 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Salón Teatro acollerá este ano o Festival Internacional de Teatro Universitario da Universidade de Santiago (USC), decimosexta edición que, do 12 ao 17 de abril, contará coa presenza de grupos de Galicia, España e Portugal. O festival, que deixa o Principal, continuará a liña marcada nos últimos anos, aínda que nesta ocasión non haberá presenza de compañías latinoamericanas.

Roberto Salgueiro, director da aula de Teatro da USC, organizadora do evento, comentou que «a nivel orzamentario hai que facer un esforzo para levar adiante a actividade, e iso nótase nos países de orixe, porque as compañías non poden pagarse en moitas ocasións os traslados. Sendo compañías universitarias son bastante numerosas, e entón a situación económica condiciona o traballo destas universidades e tamén o noso, evidentemente». O presuposto do Festival Internacional de Teatro Universitario nesta decimosexta edición sufriu «un recorte importante en relación a outros anos». Salgueiro considera que «a Universidade fai un esforzo moi grande para apoiar a todas as compañías independentes a través do programa de axudas á promoción e distribución teatral que este ano adquiriu moita relevancia».

Serán sete as compañías que este ano se darán cita no Festival de Teatro Universitario. Dúas de estas compañías serán de Galicia: a da Aula de Teatro da Universidade de Santiago, que escenificará unha versión libre de Roberto Salgueiro sobre As cuñadas , de M. Tremblay (días 12 e 13); e a Escola de Teatro de Narón , que representará Comendo pementos de Padrón con Tarantino , de Leandro Lamas (día 15). Nesta ocasión, a compañía da Aula de Teatro da Universidade de Santiago estará en cartel dous días, o 12 e 13, porque o día da estrea da obra, en decembro, as entradas esgotáronse á media hora de abrirse o despacho de billetes e así dar a posibilidade á xente de poder vela.

Tres compañías de universidades españolas estarán presentes nesta edición: A Escola Superior de Arte Dramática de Asturias con Noche de Reyes , de William Shakespeare (día 14) ; a Aula de Teatro da Universidade de Zaragoza, con El porvenir está en los huevos , de Eugène Ionesco (día 16); e In Vitro Teatro, da Universidade de Jaén, con Romeo y Julieta , de Shakespeare (día 17). A outra presenza peninsular será a da compañía Teatro Universitario do Minho, de Portugal, coa obra O jornalista da vosa beleza , que constitúe unha especie de recital de poesía interpretado sobre textos poéticos de João Negreiros (día 18).

As sete representacións terán lugar todas á mesma hora, as 21 horas, no Salón Teatro. O acceso, como vén sendo tradición todos los anos, será gratuíto, sempre previo paso polo despacho de entradas, que permanecerá aberto ao público dende as 18.30 horas. De todos modos, poderanse retirar tan só dúas entradas por persoa.