«'Pressing Catch' pon en choque a violencia cotiá, real, que non o parece, coa da loita libre»

M. B.

SANTIAGO

14 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A compañía Berrobambán subirá hoxe ao escenario da Sala Nasa para acometer a última representación da estrea da súa nova obra, Pressing Catch , unha proposta para público adulto na que se vale do espectáculo coñecido como pressing catch ou loita libre para reflexionar sobre a sociedade actual. Paula Carballeira, autora do texto, e Quico Cadaval como director, son a alma máter desta montaxe. Unha montaxe que, aclara o director, «parte dun paradoxo, que no pressing catch a violencia é finxida e os espectadores participan, pero compórtanse como tribos enardecidas pola violencia».

Nesta nova proposta, ao igual que en montaxes anteriores como NdC ou Vendeta , Berrobambán traballa especialmente coa interacción entre texto e movemento coa implicación do espectador. A publicación do libro e do cedé de Edicións Positivas Pressing Catch. 12 cancións dende o ring , resultado dun certame para grupos emerxentes en galego, foi a inspiración desta proposta que a compañía compostelá presenta hoxe, na súa última función, na Nasa.

Entende Quico Cadaval que con Pressing Catch , a autora do texto, Paula Carballeira, «quixo poñer en choque a violencia cotiá de todos os días, a violencia de carácter político e sentimental, todo iso que é violencia real e non o parece, coa violencia da loita libre, que é ficticia, parece violencia pero non o é». O resultado, segundo o director, é «un espectáculo moi dinámico, onde hai vídeos, que dalgún xeito parodian os vídeos onde se presentan os loitadores pero falan da vida privada dos loitadores, e aí está o xogo entre o aparente e o íntimo». En medio deses combates de vídeo hai un combate verbal, onde realmente os golpes son as palabras, as inxurias, as ironías e descualificacións.

No espectáculo de Berrobambán hai algo como de ritualización da violencia, unha ritualización coa que o público queda como aliviado. Nese sentido, Cadaval recorda unha frase final do texto dirixida ao público: «Esperámosvos aquí de novo, ídevos agora, pero vivides no pressing catch ». Para o director desta nova proposta da escena galega Pressing Catch ten outro aspecto interesante que é o estar feita de fragmentos, co cal ten moitos artistas, como Carlos Alberto Alonso, nos vídeos; ou o compositor musical Soyuz, que fixo un proxecto de música electrónica como banda sonora, con bases de rap e músicas para coreografías de combate. O coreógrafo David Loira é outros dos nomes que está no apartado creativo da obra. «A autora, Paula Carballeira, baséase nun espectáculo popular -destaca Cadaval-, e por outro lado a súa compañía convoca a moitos artistas para que aporten a súa visión e entón facer un espectáculo moi actual».

Arredor de Pressing Catch gravouse tamén un disco. Por outra parte, os vídeos do espectáculo poderán verse en Internet. Todo isto, segundo o director, fai que Pressing Catch , sexa «un traballo moi interesante polo que ten de actual».