Artistas e persoeiros da cultura destacan a unión de arte e compromiso na figura de Castelao

La Voz

SANTIAGO

24 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Museo do Pobo Galego serviu onte de lugar de encontro de artistas, mestres e persoeiros do mundo da arte e da cultura con motivo da celebración da xornada Arte e Compromiso: Castelao e as artes plásticas , organizado pola Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC).

O acto foi presentado por Vicente Ruiz Soldevilla, presidente da AGAEC, e por Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego. Entre os conferenciantes desta xornada destacaron Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, e Isaac Díaz Pardo, presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, cos que posteriormente compartiron mesa o artista, mestre e crítico Antón Sobral, e Manuel López Vázquez, profesor titular de la Universidade de Santiago de Compostela no departamento de Historia da Arte, con numerosas publicacións en torno a arte galega.

Avelino Pousa Antelo, que foi coetáneo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, coñeceuno persoalmente, o que lle deu pe para falar da vida do insigne galeguista. Pousa Antelo contou algunhas anécdotas persoais vividas naquela época, cando aínda eran uns xoves pouco reflexivos. Pousa Antelo tamén glosou a importancia política de Castelao así como a súa figura humana.

Isaac Díaz Pardo contou que os únicos contactos que tivo con Castelao eran cando era un neno e o vía no taller de seu pai, a onde o líder galeguista acudía porque alí era onde se facían os carteis. O crítico Antón Sobral, pola súa parte, centrouse na figura de Castelao como pintor e nas opinións que tiña sobre a arte e a política. Todos os conferenciantes participaron despois nun coloquio no que a temática xirou en torno ao compromiso do artista tanto a nivel social como político, afondando na figura de Castelao e a súa obra como reflexo do seu compromiso con Galicia.

Os participantes neste encontro auspiciado pola AGAEC coincidiron en destacar a concepción do arte entendida como compromiso por parte de Castelao; en que non se pode separar a figura do intelectual, escritor, investigador e artista, por unha parte, e por outra a do compromiso.