Maios moi criticóns

Chelo Lago consuelo.lago@lavoz.es

PONTEVEDRA

02 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O maio do CEP Marcos da Portela levouse o premio especial no concurso celebrado onte na praza da Ferrería, logo de gañar nos apartados de cantigas e de interpretación, e quedar segundo no de construción de maios e terceiro en coroas. O da Asociación Cultural Deportiva Campañó foi primeiro en maios, segundo en coroas e en cantigas, e terceiro en interpretación. O CEIP San Miguel de Marcón gañou en coroas e foi terceiro en maios. O CEIP Froebel quedou segundo en interpretación e o CEIP Campolongo, terceiro en cantigas. O premio especial para centros escolares repartiuse entre Os do Pavillón e Viaxeiro, os dous do CEIP Cabanas, Salcedo; Escola Infantil Bolboretas e CPI Domingo Fontán de Portas. Participaron no concurso trece maios de Pontevedra, Marín, Vilaboa e Portas.

Non todos os maios levaron coroa pero os que o fixeron, foron espectaculares. As dúas que obtiveron os primeiros premios referíanse ao Ano Xacobeo. A da Anpa do Colexio San Miguel de Marcón presentou unha grandiosa e florida cuncha de vieira e a de Campañó estaba formada por cabazas e bastóns de peregrinos. Tampouco se quedaba á zaga a do Marcos da Portela nin a do CEIP Froebel, que non levou premio.

Este ano os maios viñeron moi criticóns, como non podía ser menos. O decreto do galego foi un dos temas estrela, pero tamén outros, tanto de política nacional ou local -caso Gurtell, o paro, as obras do AVE, o porto seco ou o novo hospital-, fútbol -Pontevedra, Madrid e Barcelona- , e mesmo a gripe A, a quen o maio Viaxeiro dedicou esta copla: «Co demo da gripe A / ai! pasamos tanto medo / mesmo pareceunos ver / tremendo a Zapatero». Os seus compañeiros de Cabanas, Os do Pavillón, cantaron: «Agora está de moda / o circo do Mariano / cada semana que pasa / médralle algún anano». Polo que respecta ao galego, Marcos da Portela fixo varias coplas no «galegoespaninglés» do que falaba o maio de Campañó. Empezaron a súa intervención con un «Welcome to the Ferrería / buenos días tengan todos / Benvidos a esta festa / que defende o noso idioma», para terminar dicindo: «E xa para rematar / escoita ben conselleiro / berraremos todo o día / berraremos en galego». Os do CEIP Froebel non esqueceron os seus problemas coa cuberta do centro e recordaron cantando: «Estamos moi asustados / polo que poida pasar / queremos un teito novo / e non ter que retellar». O novo hospital tamén deu para moito: «Coa cousa da sanidade / teremos que ir roubar / porque din por aí / que a queren privatizar» (maio D'Paredes). «A sanidade é negocio / para os que queren medrar / contratan cos da privada / para nos hipotecar» (Campolongo). «Marcón é moi importante / nomearana capital / O Campiño, Celulosas / e agora o Hospital», din as coplas dos rapaces da escola da parroquia.

En Marín, Rinconete e Rampleiro levaron o premio de deseño de embarcación; Chan do Monte e Rinconete, nas letras, e Rampleiro e Chan do Monte, na interpretación, sempre no apartado de barcos. En maios tradicionais, Porviso e Inmaculada, levaron os premios de deseño; Landeiras e San Xulián, o de coroa; Pendelleira e O Xardín das Bolboretas, os da letra, e A Laxe e o Maio da Bruxa, os de interpretación. O premio especial foi para o maio Minilleiro, de nenos cativos.

Texto