A montaña máxica do Seixo

PONTEVEDRA

Serpe Bichoca proxecta hoxe no Principal un documental sobre a mitoloxía de Terra de Montes

07 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica é o primero de longa duración sobre mitoloxía galega que se ten elaborado. Será estreado hoxe, sábado, no Teatro Principal de Pontevedra, polo grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, asociación cultural para a investigación e difusión da nosa etnografía e historia.

A dirección do documental foi obra de Joao Bieites, Rafa Quintía e Carlos Solla. Precisamente este último é o autor dos libros Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica, de 2007, e a reedición ampliada e mellorada Monte do Seixo. O santuario dos Celtas, de 2008, nos que se basa o audiovisual.

En 125 minutos o documental recolle o patrimonio natural, material e inmaterial do monte do Seixo, en Terra de Montes, onde converxen os lindes dos concellos pontevedreses de Cerdedo, Cotobade e Forcarei e mais do oncello ourensán de Beariz. Localizase na Serra do Cando (Rede Natura 2000) e O Outeiro do Coto (1.015 metros de altitude) é un mirador privilexiado das Rías Baixas.

O traballo audiovisual fai un repaso das trinta estacións míticas do monte e as súas riquezas patrimoniais: mámoas, petroglifos, gravados de termo, a «ara solis» da Cruz do Seixo, Portalén, a Porta do Outro Mundo. E tamén a importante pedrafita do Marco do Vento; os milladoiros da Fonte da Urce e Onde Morreu o Home; as rodeiras do Campo Xuncal, no camiño real de Pontevedra a Ribadavia; a neveira de Cimadevila; O Castro Grande, olimpo da mitoloxía popular, e a Laxa Mosqueira, penedo de fertilidade.

No monte do Seixo séguense celebrando na actualidade dúas romaxes: a romería da Cruz do Seixo, o 24 de julio, e a romaría de Santa Mariña, o 28 de xullo, cristianización de antigas ritualidades paganas.

Según explicou Carlos Solla, o documental divídese en dúas partes: uns cen minutos de recreación e interpretación mitolóxica, e uns vinte de denuncia e exposición dunha alternativa ecolóxica que redima este magnífico espazo da desfeita nel perpetrada pola instalación dun parque eólico, obviando a riqueza patrimonial do lugar. E frente a esa desfeita, Serpe Bichoca reclama a potencialidade do Monte do Seixo como parque temático da mitoloxía galega, asegurando que os investimentos necesarios para a súa posta en funcionamento serían mínimos.

No audiovisual colaboraron informantes, actores afeccionados, arqueólogos e historiadores de forma desinteresada, e pretende ser tamén unha homenaxe aos narradores orais, veciños maiores das aldeas da contorna do monte que trasmitiron a súa sabedoría, herdada dos devanceiros.

Na banda sonora ocupa un lugar relevante a agrupación O Chichisos. Destaca o traballo de animación de Joao Bieites e as estampas de seres míticos do Seixo elaborados por Francisco Sutil e Mónica García.