Dez grupos participan na Festa dos Maios na Ferrería

Ch. L.

PONTEVEDRA

01 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dez grupos participan hoxe na Festa dos Maios en Pontevedra, coa presenza dun maio de persoas da terceira idade, As Cantarelas. Xunto a elas, estarán os dos colexios Marcos da Portela de Monte Porreiro, Froebel e Campolongo, ademais do maio Viaxeiro e Os do Pavillón, ámbolos dous de Cabanas, Salcedo; A.C.D. Campañó, Asociación Recriativa de Xeve, San Xulián de Marín e o Maio D'Paredes, de Arcade.

A autora Astrid Filgueira Álvarez será a encargada de dar a benvida ao maio, ás 11 horas. Logo, os participantes actuarán ante o público e o xurado e mentres os seus compoñentes deliberan, amenizará a festa as Pandereteiras de Soutomaior.

Os dez maios levarán, polo mero feito de participar, unha rosca e unha gratificación de 150 euros. E logo, poderán aspirar a os outros premios, dotados cun total de 4.000 euros, con tres en cada unha das modalidades de maio, cantigas, interpretación e coroa. Tamén haberá un premio especial de 400 euros para centros escolares, e outro para o mellor maio, consistente nunha figura.

Toda a comarca

Pero a festa dos maios celébrase por toda a comarca. Así, en Marín participan once maios e tres barcos, nun concurso que anualmente organiza o Ateneo Santa Cecilia. Landeiras, Da Laxe, San Xulián, Porviso e Da Bruxa son os maios, e Gaviota, San Xian dos Ancourados e Tenlo son as embarcacións.

Os participantes concentraranse na Alameda marinense as 12 horas, para ser observados polos membros do xurado, se ben o concurso propiamente dito comezará ás 17 horas, co cántico das coplas.

Pola súa banda, o Ateneo Corredoira de Combarro tamén celebra hoxe esta festa tradicional, na que todos os participantes serán gratificados con 150 euros, unha rosca e un obsequio. O concurso comezará ás 18 horas, na praza da Chousa. E logo de actuar, a parte musical estará a cargo do grupo de gaitas da Escola de Música Tradicional de Poio.

E no Concello de Sanxenxo, o Círculo Cultural Deportivo celebra tamén o seu concurso de maios, a partir das 13 horas. Os maios presentaranse na praza de Pascual Veiga a esa hora, se ben as coplas interpretaranse na sede da devandita asociación, a partir das 18 horas.

Caldas e Poio tamén teñen concurso, as 12 horas, na Prazuela e no praza di Mosteiro, respectivamente.