Santuario perdido dos celtas

E. L.

PONTEVEDRA CIUDAD

Carlos Solla reedita un libro coas lendas e lugares míticos do Monte do Seixo, no municipio de Cerdedo

13 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Carlos Solla asegura que aínda resultalle difícil atopar as palabras axeitadas para describir a emoción que experimenta cando ascende os tesos cumes do Monte do Seixo, tras anos de camiñatas.

Solla está considerado como un dos máis activos recuperadores da memoria da Terra de Montes e un dos grandes sabedores da antropoloxía e da historia desta emblemática comarca. O seu libro Monte do Seixo. O Santuario perdido dos celtas, é unha plasmación do amor pola súa terra, unha compilación de lendas e lugares míticos desa montaña máxica.

Trátese dunha reedición ampliada e mellorada da Reivindicación da Montaña Máxica, publicada en 2007, e será presentada esta tarde, as 20.30, na Galería Sargadelos de Pontevedra.

A presente edición está apadriñada por Verbo Xido, ADEGA e o Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca, aos que pertence Carlos Solla Varela (Calros Solla). Ten un deseño e unha maquetación moi coidada, feita por Trisquelia, que combina ilustracións e fotografías a todas cores.

Na publicación destaca un mapa desplegable orientativo da montaña máxica, con oito roteiros de localización das trinta estacións míticas de O Seixo, unha ferramenta eficaz para descubrir ou para acompañar a descuberta da singularidade material e inmaterial do monte.

Sobre a representación orográfica da Serra do Cando, Solla debuxou o trazado dos túneles míticos que comunican o Castro Grande co Pozo Sanguento, ou o que leva de Fontefría ao monte de Costoia. Representou as mámoas, a cidade mergullada de Trentinán, as trampas dos lobos, a Cadeira do Rei, a Portalén e o Marco do Vento, ou a casa que na aldea de Guisande un labrego construíu co ouro obtido dos mouros.

Din que o poder da natureza arroupa O Seixo en Cerdedo, «lugar sagrado para a prehistoria galega». Os seus restos arqueolóxicos e a súa gran tradición mitolóxica fan do monte un «auténtico altar» flanqueado polo Outeiro do Coto, O Coto Santa Mariña, A Cruz do Seixo e as tres penas (Penadrosa, Penadaiga e Penarredonda).

O libro é un atlas de xeografía mítica dun territorio de especial significación na Terra de Montes e o autor porfía na denuncia do estrago cometido no ano 2000 coa instalación no lugar (Rede Natura-Serra do Cando) dun asoballador parque eólico.