Bótalle ansia

Chelo Lago

PONTEVEDRA CIUDAD

Cabo Udra ábre o domingo o programa de andainas do Concello que inclúe, nesta primeira fase, dez rutas

09 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

De Cabo Udra á ensenada do Umia-O Grove, en barco, por suposto, pasando polas parroquias de Lérez, Alba, Salcedo e Ponte Sampaio, os parques urbanos de Pontevedra, as salinas de Vilaboa o xardín botánico de Lourizán e mesmo a ruta do río Gafos. Esas son as propostas do Concello dentro do programa Andainas 2008, dez roteiros pensados para toda a poboación, como subliñou na presentación a concelleira Anxos Riveiro.

Trátase de fomentar unha actividade beneficiosa para a saúde, como é o andar, e que por riba é gratuíta, e que se aproveita para poñer en valor algúns lugares descoñecidos para moitos, «pequenas xoias como as salinas de Vilaboa, que o pasado ano sorprendeu aos participantes».

O programa iniciouse precisamente o ano pasado, cunha gran demanda, tanto, que ata había listas de espera, subliñou con satisfacción Manuel Domínguez, de Ventos Estudos Ambientais, empresa que desenvolve o proxecto. Resaltou que nestas «rutas do colesterol» pode participar calquera persoa, pois son rutas de dúas horas e media ou tres, pero con paradiñas para comentar os valores culturais e medioambientais do lugar a visitar e tomar frutos secos e froita biolxica, a cargo da organización. De feito, o ano pasado a maioría dos participantes tiñan máis de 50 anos, e os que acudían a todas, sobrepasaban os 70.

Establécense grupos de 45 o 50 persoas por ruta e os interesados teñen que apuntarse no Pavillón dos Deportes, de 10 a 14 horas, ou no teléfono 986 872 012.

Ante a boa acollida desta iniciativa, Anxos Riveiro anunciou que a intención do Concello é facela permanente, de modo que se desenvolva ao longo de todo o ano excepto no verán. Indicou que xa se está a traballar noutros roteiros para xente xa acostumbrada a facer sendeirismo.

A primeira ruta será o vindeiro domingo, a cabo Udra, en Bueu. O desprazamento será en bus e a saída está prevista para ás 10 horas dende a Capela de San Roque.