Florencio de Arboiro recibiu o premio honorífico Xan de Barros pola súa colección de rodas

La Voz

OURENSE

18 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Estaba previsto para a unha pero retrasouse máis tempo a entrega do II Premio Xan de Barros ao escultor Florencio de Arboiro. E todo foi pola misa, porque o crego empezouna tarde, cando el chegou. Inda así os interesados xuntáronse no Centro Comarcal para ler a acta do xurado e entregarlle a Florencio unha réplica en barro da Torre de Vilanova, obra de Leandro Sánchez. Trátase, dixo o secretario do xurado, dun galardón honorífico para recoñecer neste caso a Florencio o ter feito a máis grande colección de rodas de afiar do mundo gardando a memoria de tanta xente que viviu arredor delas. Este patrimonioque conserva permite coñecer douscentos anos de oficio.

«É de agradecer este premio ou recoñecemento por un traballo pero eu sinto máis pola propia asociación Ben Cho Shey e polos propios afiadores porque as rodas en si non senten nada. É unha memoria ao afiador e a ver se a seguimos mantendo», asegurou. As rodas esperan un museo do que nada se sabe polo de agora. «Como hai vinte anos que falamos deso, pois vai moi lento», di o artista. «Algún día será», engade. Non lle ten presa. No verán volverá haber mostra en Santo Estevo.