Florencio de Arboiro convida á reflexión desde a loucura

Jesús Manuel García

TOÉN

02 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

No primeiro andar da facultade de Ciencias da Educación (Edificio de Ferro), inaugurouse onte a exposición A pegada dun psiquiátrico , de Florencio de Arboiro. Fóra da sala, un vello cartel indicador deste centro tradicional no que se le: Sanatorio psiquiátrico 0,8. E a seu carón, unha porta dunha celda, reforzada, cun burato para ollar ao enfermo mental e unha bota dun pé golpeando a parte baixa da porta.

A mostra é impresionante polo que provoca de reflexión en quen a visita. Hai esculturas de Florencio de Arboiro representando a eses enfermos que ingresaron no centro, ou as súas fantasías. E hai tamén obxectos que foron empregados no sanatorio, unha camisa de forza, unha vitrina onde se ven xiringas, un electroshock; unha cama branca de atar ao enfermo... Non é de estrañar que haxa xente que incluso se poda emocionar ante tanta forza como desprenden eses obxectos.

Maletas, pipas feitas con calquera material por un interno, O Pipas. Cada obxecto leva unha frase dita, na meirande parte dos casos, polos propios internos. Esas frases lapidarias que non se esquecen como aquela de «pechado polo seu ben». Ata maio poderase visitar.

Un Quixote abatido, como símbolo da loucura, un home atado a un carro de bois, o autoaxustizamento de quen se cortou unha man. Florencio retrata maxistralmente a intrahistoria de Toén, esa que non queda nas actas oficiais do psiquiátrico, para que non se perda, máis ben para que se faga arte e memoria en recordo dos 50 anos do centro, dos seus médicos e dos seus pacientes.

Contaba onte Florencio que cando esta mostra estivo en Santo Estevo, sacou a peza titulada Ausencia para restaurala e a xente, ao ver o carteliño con ese título, Ausencia , sen máis nada, sorprendeuse de tan marabillosa obra, é dicir, de non ver nada máis que ausencia. Ou sexa, que triunfou o sitio da peza que retirara, para maior sorpresa do artista que pregunta onde está a verdadeira arte.