«A xente da cultura somos algo bufóns, dicimos o que outros non se atreven»

Antonio Nespereira

OURENSE

Unha das referencias do Ourense cultural avalía tamén a situación política, sobre todo no eido do nacionalismo

01 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O día 20 de decembro de 1973, ETA lograba o seu obxectivo coa Operación Ogro: o coche no que viaxaba o presidente do goberno, o almirante Carrero Blanco, esperanza do agonizante réxime de Franco, saltaba polos aires e con el a vida do militar. A 500 quilómetros, en Ourense, coma en toda España, a noticia tiña valor histórico. Un rapaz, daquela estudando nos Maristas foi requirido con outros dous alumnos para ver a un dos relixiosos que rexentaban o colexio. Logo dun discurso apocalíptico, rematou deste xeito: «Siempre cae la mancha en el traje más blanco».

Ese rapaz era Marcos Valcárcel, hoxe con 50 anos. Xa daquela era bastante furafollas, metido en tódolos fregados e revoltas estudantís. O seu paso polos Maristas supúxolle entaboar contacto co cura Digno González, que moito despois sería concelleiro do PSOE en Vilardevós. Mesmo reparte folletos da primitiva organización Cristiáns polo Socialismo e forma parte da revolta contra o bispo Temiño. Pero foi ó instituto e meteuse tamén na agrupación cultural Auriense: «O instituto foi determinante para a miña formación como persoa e as clases da Auriense con charlas de Otero Pedraio ou Ferro Couselo foron básicas para a miña galeguización». Decide estudar Historia en Santiago «pese a que Paco Rodríguez (histórico dirixente do BNG) dicíanos que fixeramos Filoloxía Galega, que o país necesitaba filólogos da nosa lingua».

Casualidades da vida, fai Historia e acaba dando clases de Literatura Galega. Dos cinco anos de carreira dedica máis da metade do seu tempo á política. Tiña sorte «porque sempre fun moi bo estudante e non necesitaba dedicarlle moito tempo». As rúas de Compostela seguro que lembran a Marcos Valcárcel encabezando manifestacións, facendo revoltas estudantís «nunha época na que estaba nacendo a democracia e tódolos días había folgas».

Militou en Estudantes Revolucionarios Galegos (Erga), berce do futuro BNG. «Eramos capaces en dez minutos de parar Santiago, bastaba atravesar na rúa varios coches e colapsar a cidade». Semellante radicalismo nas ideas chocan nunha persoa de paz, de mirada limpa, de sorriso franco, dunha clarividencia mental pasmosa e unha bagaxe cultural envexable froito, sen dúbida, de ler milleiros de horas. Vamos, nada que ver coa imaxe tipo kale borroka .

Culturalista

Miren senón a foto na biblioteca da casa, un dos seus recunchos. Hai centos de libros, recortes de prensa (unha das súas paixóns xa que ten escritos uns 3.000 artigos nos últimos cinco anos) gardados dende 1976 ata hoxe. Marcos acadou o alcume de culturalista na súa mocidade, despectivo daquela dentro dun movemento dogmático como era o BNG dos anos 70 e 80.

Militou nese partido ata 2005, xusto cando o Bloque acadou o poder na Xunta. Pero Valcárcel é sobre todo un home coñecido en Ourense polas súas inquedanzas culturais e por estar sempre en movementos comprometidos nese eido como estudoso da historia e literatura galegas e como inspirador de moitas iniciativas como o Clube Cultural Alexandre Bóveda, xa desaparecido, ou a recente plataforma a favor de crear na sede do Banco de España un equipamento cultural.

«Ourense é unha cidade media que chegou tarde ás infraestruturas culturais, que recuperou o Principal, que ten agora espazos interesantes e que ten xente moi activa». Sostén que a cidade aposta máis polo espectáculo que pola cimentación da cultura: «É máis difícil crear núcleos permanentes fora da cultura espectáculo que garantan o relevo nas próximas xeracións», sinala, para engadir que «a sociedade ourensán está un pouco adormecida, somos meros espectadores, pero iso non é irreversible».

De tódolos xeitos ve unha xeración con certo pulo, moitos xoves con inquedanzas ás que lle dan renda solta por exemplo na Casa da Xuventude, «que fai un papel extraordinario», pero tamén asume que os rapaces «son hoxe bastante conformistas, un pouco sobreprotexidos e sin nada contra o que loitar».

Referencia

Como home da cultura, Marcos Valcárcel nega ser referencia nin líder. Iso si, comprometido socialmente, aínda que recoñece que «a xente da cultura somos un pouco bufóns, dicimos o que outros non din», unha reflexión que verbaliza unha sensación que calquera pode percibir nunha sociedade agachada que espera que os demais lle arranxen os seus problemas, mesmo que opinen por ela.

A historia ou a socioloxía xulgará algún día eses comportamentos. De momento, Marcos opina que os ourensáns coñecen «moi relativamente a nosa historia e cando teñen referencias dela é sobre todo pola tradición oral máis que por estudala». Por certo, a volta duns días aparecerá un libro feito por el no que dunha forma moi pedagóxica os ourensáns terán un compendio histórico moi útil. Un empeño de Marcos con quen a cidade xa ten algunha débeda.