«Aurora de Nova York xeme polas inmensas escaleiras». Renace o verso que Lorca escribiu cando os rañaceos chovían suicidas e vían esmorecer as fortunas de Wall Street, naquel 1929 no que o diñeiro rompeu e o mundo fixo catacró. Despois, os defensores do Capital convencéronnos de que as leis do mercado eran inexpugnábeis e de que iso do reparto da riqueza era unha ilusión de inxenuos e marxistas, o demo pintiparado, ¡vade retro! E como somos o único bicho que tropeza dúas veces no mesmo sitio, ¡ras!, volveu ocorrer. Alucinamos, abraiámonos, flipamos, coma se fose a primeira vez que nos pasa, ¡hai que ver! Adoita acontecerlles aos derrochóns, que despois choran fronte a aurora de Nova York devastada, ai, tan lorquiana que non a entenden. Non acabamos de crer que o crack do 2008 sexa tamén unha traxedia de suicidas, de pobres e de ex yuppies desesperados. Tan desorientados estamos, que, a pesar de reinventarmos o mercado mundial, non sabemos cómo se chama este defecto arquitectónico da bolsa, que perde cartos polas regañas da parede. Desaceleración, conxuntura adversa, depreciación, mal momento, perda de competitividade, escaseza, dificultades, situación anormal, alteración, reaxuste, fractura, inflación, falta de liquidez. O parlamento está falto de bos poetas que lles prendan lume aos dicionarios de sinónimos e lle volvan á crise o bo nome. Postos a falar en clave e con Lorca asasinado, igual nos explicamos mellor co abc do tebeo: cando en América o diñeiro fai ¡crack!, aquí algo estoura e... ¡bum!, espállase a crise que nos fai pobres. Vantaxe: nun resume estilo Marvel non necesitamos economistas nin políticos. ¿Como dicilo? Lean: pataplún.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios