Diego Ameixeiras ambienta no BNG a súa nova novela policíaca

Rodri García A CORUÑA/LA VOZ.

CULTURA

«Asasinato no Consello Nacional», que se publicará en setembro, rende homenaxe a Vázquez Montalbán

21 ago 2010 . Actualizado a las 02:30 h.

Alberte Cupeiro. Este é o novo detective privado que se suma á cada vez máis ampla nómina de investigadores privados da literatura galega. Cupeiro é o encargado de investigar o Asasinato no Consello Nacional (Xerais), título da nova novela que Diego Ameixeiras (Lausanne-Suiza, 1976) presentará o vindeiro mes de setembro. «Estou un pouco sorprendido pola expectación diante deste novo libro, pero tampouco ten nada tan especial; supoño que será o habitual cando alguén saca unha novela», afirma o escritor en Ourense, a cidade pola que se move habitualmente Horacio Dopico, o outro detective creado polo escritor.

Cupeiro «é moi distinto a Dopico, investiga outro tipo de intrigas, un mundo de política ficción e aquí a trama é máis real, máis pegada á actualidade». Entre as características do novo personaxe literario salienta que practica a meditación oriental e interésalle «o taoísmo e o budismo; é moi calmado, xa que se sitúa nun plano superior ao resto da xente e só lle preocupa a busca espiritual, ademais de intentar resolver o caso».

O caso é nada menos que o asasinato dun dirixente do BNG cando sae dunha reunión do Consello Nacional. A novela é «unha clara homenaxe a Vázquez Montalbán», autor dunha novela negra publicada en 1981 que levaba por título Asesinato en el Comité Central (Planeta), na que nunha reunión rutinaria do PC español apáganse as luces e aparece morto o seu secretario xeral; a investigación corre a cargo do comisario Fonseca, designado polo Goberno, e de Pepe Carvalho, o detective creado por Montalbán que cumpre aquí o encargo do PC.

Ameixeiras lembra que entón Montalbán tiña moitos contactos no PC, «que vivía unha situación moi convulsa sobre o seu futuro». Explica, así mesmo, que neste caso tamén hai dúas investigacións paralelas, unha, a policial, e outra, a que leva a cabo Alberte Cupeiro, esta última encargada polo Bloque.

«Intentei facer unha sátira política arredor do mundo do BNG e neses meses nos que se fixeron públicas as diferenzas entre as distintas correntes pareceume un pano de fondo moi axeitado, porque ademais estivo moi ben contado nos medios de comunicación», explica Ameixeiras, despois de insistir en que o Asasinato no Consello Nacional «é ficción, unha novela, non é un tratado sobre o BNG».

Personaxes recoñecibles

O escritor asegura que entre os protagonistas son recoñecibles personaxes reais, pero son «composicións ficticias feitas a partir desas persoas reais, da imaxe pública que proxectan ou polo menos da que nos facemos deles pola nosa parte; que se achegue a realidade ou non é outra cousa».

De todos os xeitos, «na novela tamén hai outros personaxes arquetípicos», apunta o gañador do Premio Xerais 2006 con Tres segundos de memoria. Ademais, a única trama da novela non é só a morte do dirixente nacionalista, «paralelamente haberán de resolver un enigma que está vencellado coa Guerra Civil», explica Diego Ameixeiras.

Outro dos cambios sobre novelas anteriores do escritor é que a historia ten como escenario a cidade de Santiago.