«Ser crítico non me deixa caer en gratuítas urxencias da escrita»

Camilo Franco REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

O autor, profesor na Universidad de Valencia, publica en Cátedra, en edición bilingüe, «Mesteres», un libro que cambiou a marcha da poesía galega

25 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A pesar da distancia e dos anos, Mesteres é un libro que sempre volve. A edición bilingüe que acaba de realizar Cátedra, recupera para a actualidade un libro que o seu autor considera un ciclo poético e que no seu tempo supuxo unha decida renovación formal.

-Dende a primeira vez que se editou «Mesteres» ata esta recente edición en Cátedra, ¿como foi evolucionando o libro?, ¿como foi cambiando para vostede?

-O libro constitúe, de feito, un ciclo poético. A edición de 1976 era unha primeira achega ou ordenación que, logo, se foi desenvolvendo ata o 1983. Responde, xa que logo, a un traballo creador duns quince anos, pero sempre, coido eu, cun senso de unidade arredor de dous grandes eixes, a Terra e o símbolo do exilio. E unidade, claro, na propia forma poética.

-¿Que pode descubrir o lector case 36 anos despois da primeira edición do libro?

-Na obra literaria, e quizais máis na poética, cada nova lectura por parte dun lector supón unha sorpresa, un descubrimento. Un libro nunca esgota o seu aberto abano de significacións. No caso destes Mesteres, o lector ten un admirable estudo de Xesús Rábade e unha nova articulación do ciclo, ben diferente da primeira edición.

-No seu día, «Mesteres» sorprendeu pola renovación formal, polo cambio de aires que supuña. ¿Dende a súa perspectiva, ese camiño aberto foi continuado, foi permitindo abrir outras renovacións?

-A crítica máis rigorosa e seria, e eu agradecino moito, adoita sinalar a data do 1976, pola publicación do gran poemario de Méndez Ferrín [Con pólvora e magnolias] e mais o meu, como momento de renovación dunha poesía que, a aquelas alturas, era ecoica dun seudorrealismo carente de valores estéticos. Sen falsas modestias, algo significaron eses libros, aínda que tamén debo sinalar que, segundo algunhas voces, en Galicia ninguén lera Mesteres e, por tanto, nada significou. Logo, por suposto, chegou unha importante promoción, hoxe xa na súa madureza creadora, que ergueu e anovou poderosamente a nosa lírica.

-Vostede é tamén un estudoso da poesía. ¿É unha convivencia fácil a de escribir poesía e ao tempo tela como un obxecto de estudo?

-O poeta, segundo din, nace pero, logo, ten que se facer. Non hai ningún gran poeta carente de fonda formación literaria. Eu diríalle que a ollada vixiante do crítico, esa outra faciana miña, dáme certo rigor, certo senso autocrítico, non me deixa caer en gratuítas urxencias de escritura, en enganosas modas. Poeta e crítico, pois, conviven bastante ben.

-¿Pódese analizar ou estudar a poesía propia?

-Non resulta tan doado coma estudar a obra doutros autores, por suposto, pero si, coido que si. A cuestión está en saber distanciarse do propio traballo creador e, claro é, ter e aplicarse a un mesmo unha razón crítica. Dito doutra maneira, acertar a ser lector e intérprete construtivo.