O MACC buscará en Galicia xeitos de difundir as industrias creativas

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

O evento experimentará con novos formatos ?de relación entre axentes culturais ?e os espectadores

10 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A novas circunstancias, novos procesos. Poñer de relevo eses novos procesos no que ten que ver coas ideas e coa creación cultural é un dos obxectivos do Mercado Atlántico de Creación Contemporánea que terá a Galicia como protagonista da súa segunda edición. O sábado foi presentado no CGAC cun pequeno paseo entres salas, no que os asistentes tiñan que ir intervindo nun proceso que reflectía algúns dos novos xeitos necesarios para conseguir unhas industrias creativas.

A presentación do MACC, que terá lugar entre os días 10 e 12 de setembro en Compostela, serviu para explicar a filosofía destes encontros, que ademais de trazar rumbos diferentes para a creación e a súa relación cos públicos quere servir de plataforma, segundo explicou Vítor Belho, para «expoñer o talento galego e as posibles maneiras de facelo visible».

Segundo insistiron na presentación do evento, que na súa primeira edición tivo lugar en Canarias, o MACC quere subliñar a importancia dos procesos, en especial aqueles que «apostan polo risco e o atrevemento».

O viceconselleiro de Cultura de Canarias, Alberto Delgado, lembrou que a primeira experiencia deste programa nas Canarias reuniu a 400 profesionais de distintos ámbitos culturais buscando xeitos alternativos de creación e comunicación aos existentes. Belho insistiu na idea do alternativo ao explicar que esa cita quere apoiar «as iniciativas que traballen pola transformación social e económica e poñan en valor os territorios e as sociedades que os habitan».

Coa participación do Goberno canario e o respaldo do Xacobeo e mais da Agadic, o MACC estará organizado en catro eixos fundamentais que foron desenvolvidos onte por Juan Freire. As catro actividades fundamentais serán os laboratorios para desenvolver experiencias de creación colectiva, os encontros que servirán para o intercambio de información entre os asistentes. Outro dos eixos será o espazo coñecido como Inspira, que con formato talk-show servirá para explicar experiencias innovadoras que sirvan de referencia para os novos creadores. Finalmente, o cuarto eixo da programación serán os MACC shows, exhibicións breves de traballos artísticos, ben musicais, ben escénicos ou de calquera outro xénero, que sirvan de mostra do que se está facendo na cultura contemporánea en Galicia.

O director do CGAC, Miguel von Haffe, sinalou unha idea repetida despois polos participantes a propósito de que a presentación do sábado era «o inicio dun proceso que, atendendo aos resultados do primeiro encontro do pasado ano, será novidoso, creativo, innovador e estimulante».

Para participar no MACC será preciso remitir un currículo e unha breve descrición da proposta nun prazo que pechará o vindeiro 30 de xuño.