Pestana expón en Portugal fotos de Bioy Casares, García Márquez e Polanski

Carlos Vázquez González

CULTURA

02 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O pintor, debuxante e fotógrafo de prensa Baldomero Pestana (Castroverde, 1918) expón dende o 17 de abril na localidade portuguesa de Castro Verde unha exquisita selección de retratos realizados durante a súa estadía por Latinoamérica e Europa, un tempo de emigración durante o cal se empregou profesionalmente como fotógrafo no Diario Oficial de Perú, colaborou para a ONU e as revistas Life e Time , e traballou para a famosa axencia McCann-Erickson.

Baixo o título de Artes de Castroverde (Lugo-Galiza) , no Fórum Municipal desta fermosa localidade lusa atópanse algúns dos retratos que Pestana realizou a senlleiras personalidades do mundo da cultura. A música está representada polo pianista e compositor arxentino Lalo Schifrin, o trompetista norteamericano Dizzy Gillespie e o produtor Quincy Jones. A carón, os retratos do escritor Bioy Casares, dos pintores arxentinos Emilio Petorutti e Michelle Marx e de tres escritores peruanos, Salazar Bondy, Ciro Alegría e José María Arguedas, dan conta da importancia desta selección que non remata aquí.

Nesa mirada tan persoal de Pestana, onde o obxectivo da cámara faise invisible e afonda no interior do retratado, tampouco faltan outras celebridades universais coas que, en moitos casos, o galego forxou unha relación de amizade: Gabriel García Márquez, Alfredo Bryce Echenique, Mario Vargas Llosa, Fernando Arrabal, Carlos Fuentes, Pablo Neruda ou o poeta Severo Sarduy figuran entre eses vinte retratos que Baldo enviou ao país veciño, onde tamén está presente o cineasta Roman Polanski.

A seguinte, en Vigo

Tanto os espectadores lusos como aqueles que se acheguen ata a localidade portuguesa situada entre Lisboa e o Algarve (a uns mil quilómetros de Lugo) descubrirán tamén ao propio Baldo nun autorretrato que fixo canda o poeta e diplomático arxentino César Fernández Moreno, unha composición onde os elementos figurantes cobran vida á par dos personaxes.

Ata alí viaxou outro retrato moi especial, o de Velia, a muller que sempre acompañaría o artista lucense que tras o seu periplo polo mundo adiante e xa sen ela decidiu regresar hai dous anos para reencontrarse coa súa terra de orixe. Na actualidade, Baldomero Pestana reside na casa duns familiares en Bascuas (Lugo) e con 92 anos de vida prepara a que, de momento, será a súa vindeira exposición fotográfica, que terá lugar o primeiro trimestre do vindeiro ano no centro social de Caixanova en Vigo.

Unidos polo berce

A exposición portuguesa Artes de Castroverde (Lugo-Galiza) , que permanecerá aberta ao público polo menos ata o 8 de maio, está incluída dentro da quincena cultural que se celebra no Castro Verde luso, unha mostra multidisciplinar en cuxa inauguración participou o cantante Rodrigo Leao.

Xunto á obra que o fotógrafo Baldomero Pestana levou a esta localidade portuguesa -comparable á vila de Vilalba en canto a extensión, aínda que polas súas características recordaría ben máis ás terras de Castela que cantaba Antonio Machado-, participan outros tres artistas tamén lucenses, igualmente nados en Castroverde, que son, ademais de Nati Pillado, os escultores Juan Vila e Paco Pestana (con quen Baldo comparte apelido mais non lazos de familia).

O cartel anunciador da mostra causou gran interese entre o público por conter un dos debuxos máis coñecidos de Baldomero Pestana. Non ten nome -di o autor que é para non condicionar-, e amosa a un contorsionista a carón duns xornais que parecen de verdade. Excelente hiperrealismo feito a lapis.