Xosé Tomás, de Betanzos a China

CULTURA

Unha revista de Taiwán dedica o seu número de marzo o ilustrador galego e recolle debuxos de «El gran libro de piratas y corsarios» que vai presentar en Bolonia

08 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O número de marzo da revista DPI Magazine de Taiwán publicouse o pasado sábado recollendo unha ampla reportaxe do ilustrador galego Xosé Tomás (Betanzos, 1971). Esta revista de diseño ten difusión internacional, é da editorial Chiamin Liu e publicase en chino e inglés. Hai uns meses puxéronse en contacto co ilustrador galego para «facer unha reportaxe sobre o meu traballo, sobre todo da ilustración infantil».

Xosé Tomás, que publica os seus debuxos na edición da Coruña deste xornal, salienta que a reportaxe inclúe unha ampla entrevista e fala da publicación como «unha sorpresa e unha grata colaboración coa editora que foi toda unha lección de profesionalidade xa que mandáronme probas, cotexaron todo comigo e ata pediron a miña opinión». Neste senso bromea que desde a editorial «traballaron como chinos». Tamén confesa que lle chamou a atención «o coidado de tódolos detalles da entrevista. Das cousas que eu lles contaba nos correos eles sacaban outras para preguntar e matizar». Este ilustrador e profesor explica que a editorial contactou con él «a través da páxina web», e polo de agora a reportaxe chegoulle tamén a través da Rede, «pero vaime chegar a revista fisicamente», adianta. Neste senso, salienta tamén o gran número de visitas que ten a web da asociación dos ilustradores galegos.

A idea inicial dos editores era que Xosé Tomas participara no número especial que a revista dedicou a autores europeos en decembro; despois de enviar as primeiras probas indicáronlle que farían unha cousa máis ampla: a que agora se publica en oito páxinas. A reportaxe inclúe «ilustracións dos meus traballos e outras inéditas porque son de libros que están a piques de saír, e sempre é unha maneira de dar a coñecelos», apunta.

Unha das súas novas publicacións é El gran libro de relatos de piratas y corsarios (Editorial Parramón), que será presentado este mismo mes na Feira de Bolonia. «Curiosamente -apunta Tomás- é un libro que tamén se está imprimindo en China, aínda que xa o teñen tamén vendido para unha editorial de Nova York, que quere facer unha tirada ampla, e tamén para países de Sudamérica».

Pero a difusión da obra de Tomás, desde Betanzos a China, non para ahí, xa que para abril ten previsto viaxar a Nixeria para dar un curso a ilustradores locais. «Invitoume a Embaixada de España en Nixeria», explica. Será durante a semana do libro cando imparta este curso e confesa que diante do mesmo vai «con moita responsabilidade; na escolla detectaron a necesidade de que os ilustradores locais teñan unha oportunidade de formarse».