Magín Blanco edita o libro-disco infantil «A nena e o grilo»

CULTURA

22 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Do pop á literatura musical infantil. Ese foi o camiño percorrido polo músico Magín Blanco, que na década dos oitenta foi guitarrista, cantante e compositor do grupo ourensán La Rosa e agora vén de publicar o libro-disco de interese para todos os públicos A nena e o grilo (editorial OQO).

A obra é o resultado do primeiro achegamento do compositor á palabra escrita. «Nunca escribira nada, nin sequera son lector nin coñecedor da literatura infantil, nese sentido son un advenedizo -destaca Magín Blanco-. Pero si que tiven sempre conexión con xente que fai literatura para nenos e cando fixen o meu primeiro disco, fíxenme moi amigo de Vainica Doble, que teñen un mundo moi naíf». A nena e o grilo é un conxunto de contos sobre a historia de amizade entre estes dous personaxes e como ambos van descubrindo a súa ubicación no mundo e a súa identidade. «Son contos moi breves, pero máxicos, suxestivos», conta Magín Blanco.

Unha vez cos contos escritos, algúns amigos aconselláronlle que puxese música a cada un deles para facer un libro-disco. Unha destas persoas foi a cantante Uxía, que estivo implicada neste proxecto desde o principio tanto nos textos como nos aspectos máis concretos da produción musical. «Non foi difícil poñerlle música. Eu son tendente a ser algo monocorde e Uxía pedíame certo dinamismo, así que hai reggae, bossa nova...». Ao lado de Blanco e Uxía, participan neste traballo outras voces recoñecidas da escena musical galega, como Guadi Galego, Ugia Pedreira e Fred Martins. Ademais, no aspecto máis visual, o libro conta coas ilustracións do artista ourensán Iván Prieto, que optou por imaxes dunha estética moi actual e pola técnica da colaxe. Todos eles se involucraron no proxecto por convicción e amizade. «Críamos que este país necesitaba algunha referencia para o público infantil», di o guitarrista. O traballo conta incluso coa participación dun coro de nenos cantando en distintos idiomas, dende o francés e o húngaro ata o saharauí.

Para nenos e adultos

Magín Blanco explica que A nena e o grilo «non é un produto típico para nenos», senón para toda a familia. «Fíxose pensando nos nenos coma se fosen maiores e tamén pensando nos maiores coma se fosen nenos», explica o autor.

O que diferencia a este libro-disco doutros produtos musicais en galego é o seu estilo. «Todos os traballos que se facían ata agora de música para nenos viñan sempre dos temas tradicionais, pero eu non veño desa música veño máis do rock», asegura.

O libro deu lugar tamén a un espectáculo teatral e musical que se ensaia estes días. O seu guión está escrito a partir dos contos recollidos no libro.

A estrea terá lugar o próximo 14 de marzo na clausura do Salón do Libro Infantil de Pontevedra. A nena e o grilo publícase dentro da colección musical Q Son, de OQO Editora, que botou a andar no 2008 co libro-CD-DVD Contos en canto s .