«O mundo das finanzas é pouco humano, por iso escribo»

CULTURA

02 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

«Os dous nacemos na Coruña, os dous somos de ciencias, coñecémonos e fomos case amigos hai anos, pero logo marchou para Mallorca e agora non temos nada que ver». Iso explica Marcelino Fernández Mallo (A Coruña, 1961) falando de Agustín Fernández Mallo, o autor da triloxía das Nocillas. Marcelino, economista e escritor, presentará esta tarde, ás 20 horas na librería Couceiro de Santiago, a súa segunda novela que leva por título Klasica. Esta obra «está publicada por Rinoceronte, pero con ese novo selo para os autores galegos que é Morgante; este é o número cinco».

-¿Quen son os «Klásicos»?

-É unha novela que fala dun colectivo social que poderíamos cualificar de clásico, porque sempre estivo presente, sempre mantivo un comportamento típico ao largo do tempo...

-¿Que colectivo é ese?

-O das familias acomodadas, dos que ocupan postos hexemónicos, sobre todo nos círculos económicos de maior dominio social.

-¿Ten que ver con Galicia ou coa fusión das caixas?

-¡Non, non! (ri) Se tivese que ver coa fusión ao mellor vendía moitos máis libros pero non, é unha historia atemporal e aespacial (sic). Non deixa de haber xestos e tópicos que poden verse en Galicia con bastante frecuencia, pero non falo de ningún sitio en concreto.

-¿Que fai un economista escribindo novelas?

-Esta é a segunda; a primeira foi A trenza (Ézaro), no 2005, e antes publicara o libro de relatos Cabilia (Primera Persona). Así que xa levo un tempo dándolle a isto da escrita. O mundo das finanzas é unha ciencia social pero o seu funcionamento cotián ten moi pouco de humano e de social, por iso escribo, sinto a necesidade de explorar cousas que teñan algo máis de humanidade.

-É forte iso da falta de humanidade nas finanzas, ¿non?

-Non sei se é forte ou non, pero é o certo, a realidade que nos está marcando, porque nas operacións financeiras non poñen en primeiro lugar o ser humano senón os números.

-Din na editorial que é un «thriller» psicolóxico, algo que non abunda en Galicia.

-Si, ten humor negro, thriller psicolóxico e moita retranca irrespectuosa. Cando vin o que poñía a editorial a verdade é que me gustou, tamén por iso de que apenas hai na literatura galega o thriller psicolóxico.

-Eses grupos, ¿medran ou van desaparecendo?

-Sempre estiveron aí, con obxectivos que pouco respectan os valores máis desenvolvidos, como a xustiza. Atenden a outros moi primitivos, como o da acumulación de poder que no fondo é como marcar un territorio.

-Pero tamén aseguran que teñen unha compoñente social.

-Os réximes cambian, e as democracias teñen esixencias que os obrigan a acomodarse ao código demócrata. Cambian as fasquías e os modos, pero é unha mera adaptación de formas.