Un libro sobre o galego presentarase á vez en 55 lugares de todo o mundo

CULTURA

Unha ducia de expertos valoran a situación da lingua dando resposta ás cuestións que se están debatendo

26 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A data é o xoves, día 4 de febreiro. A hora, ás 20.30, en España. No resto do mundo, en Nova York, Bos Aires, Nablús e Belén (en Palestina), Copenhague ou Saraxevo dependerá dos fusos horarios. Será a primeira vez que un libro galego se presente de xeito simultáneo en 55 lugares do planeta, como se se tratase dunha nova entrega de Harry Potter ou de Luna nueva, a última película da serie Crepúsculo presentadas de xeito simultáneo en todo o mundo. Nesta o ocasión, os 55 lugares teñen que ver co título do volume, un ensaio coordinado por Xosé-Henrique Costas: 55 mentiras sobre a lingua galega (Edicións Laiovento)

Unha ducia de expertos, sobre todo sociolingüistas, son os autores deste traballo que, segundo din no limiar non só ten letra senón que tamén ten son: «Sentirá, -din, dirixíndose ao lector- desde a primeira páxina, o ruidiño que fan as falacias (as mentiras, os sofismas, as arbitrariedades) cando escachan ao caer». Nesta liña aseguran que este libro «contribúe a desenmascarar a quen só coñece palabras de exclusión, de segregación, de negación» e apuntan «o difícil que resulta para o profesorado de Lingua galega no exterior (en Tubinga, en Toronto, en Varsovia...) dar explicado a un universitario alemán ou a unha alumna canadense que certa xente censada neste noso país dedica moito tempo a combater a existencia plena, culta e oficialmente recoñecida do seu propio idioma».

En dez apartados, que suman as 55 respostas do título, os autores van dando resposta a moitas das cuestións debatidas nas últimas semanas. Por exemplo, «quen non somos falantes de galego non temos a responsabilidade de mantelo e falalo. Que se movan os que queiran falalo pero non á nosa costa». Argumentan: «De igual maneira «os que non somos falantes habituais de castelán non teriamos que contribuír cos nosos impostos ao mantemento de TVE1, TVE2, TVE-I, RNE, Instituto Cervantes, Ministerio de Cultura [...] Como se ve, este argumento non se sostén».

Outra cuestión: «Queremos unha Galicia bilingüe, aínda que non todo o mundo está capacitado para ser bilingüe». Para os autores deste libro, esa afirmación esconde tamén unha mentira xa que «non queren unha Galicia bilingüe ou plurilingüe, queren unha Galicia bimonolingüe, con dúas partes ben diferenciadas: os falantes só en castelán (eles) e os falantes de galego e castelán (o resto)».

Libros e a morte do castelán

En canto á afirmación de que a maioría dos libros de texto están só en galego, os autores desta obra din que é unha mentira que non se sostén, «non hai máis que consultar as vendas das editoriais. En zonas urbanas, no curso 2007/2008, vendéronse tres veces máis exemplares en castelán que en galego dun mesmo libro de texto da mesma editora».

Sobre a desaparición do castelán en moitas escolas e institutos de Galicia, que é outra das afirmacións que se escoitan desde hai un tempo, os autores do ensaio aseguran que nunca se dá un só dato, un só nome de escola ou instituto onde pase iso e pregúntanse: «¿Por que no se fai unha relación deles? Simplemente porque é mentira». Neste senso apuntan que, segundo datos da Universidade de Vigo, no curso 2008-09 na cidade olívica «só o 25% dos centros escolares cumprían o Decreto 124/2007 (o do 50% das materias en galego). O 75% dos centros escolares de Vigo incumprían totalmente o decreto de igualdade entre o galego e castelán pois as clases seguían a ser maioritariamente ou case totalmente en castelán». Son só algúns das cuestións expostas neste libro.