A industria cultural cítase en Vigo para afrontar o futuro

B.?R. Sotelino

CULTURA

O foro Creativa incidirá tamén no intercambio e cooperación con Portugal

11 dic 2009 . Actualizado a las 02:45 h.

Vigo acollerá a partir da próxima semana un encontro multilateral e interdisciplinar entre empresas, creadores e artistas de distintos ámbitos do sector da cultura. Baixo o título de Creativa. Foro da Industria Cultural Galicia-Norte de Portugal , o programa pretende que os que fan cultura activa, reflexionen sobre as formas axeitadas de chegar ao público.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña, presentou onte este encontro que, con financiamento a cargo dos fondos Feder da UE, organizan a Axencia Galega das Industrias Culturais e a Direccão Regional de Cultura do Norte do Ministerio de Cultura portugués en dez espazos da cidade.

Varela sinalou que «o produto témolo, e de calidade, pero o modelo de industria cultural que queremos, aínda non se dá». Por iso, o conselleiro manifestou que é preciso «dotar á produción cultural galega das ferramentas precisas para o seu pleno desenvolvemento como industria, así como de avanzar no intercambio e a cooperación cultural co norte de Portugal». Para conseguilo, preto de oitenta expertos de ambos países participarán do martes ao venres nos catro foros de debate para analizar tanto a situación actual como as perspectivas de futuro. As sesións articúlanse en torno a catro foros sectoriais (artes escénicas, música, audiovisual e produto gráfico), cun total de dezaseis mesas de debate, relatorios e reunións profesionais.

Unha axenda aloxada na web

Varela adiantou que o proxecto Creativa, inscrito no Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal, non é unha iniciativa illada, senón que avanzará no tempo mediante a publicación dixital dunha guía de recursos culturais e dunha axenda de eventos culturais, aloxada no enderezo web www.creativacultural.com, así como dunha ampla serie de accións concretas nas poboacións asentadas a ambas beiras do Miño ata finais do 2010.

Concertos de rock, pop e folk

O programa ofrece tamén un cartel con espectáculos musicais protagonizados por artistas galegos e portugueses. A programación inclúe os concertos de The Blows (día 16 en La Iguana), Roi Casal e Anxo Lorenzo (día 16 no Centro Cultural Caixanova), Old Jerusalem e Niño y Pistola (día 17 na Sala Mondo Club), Amália Hoje (día 18 no Cine Salesianos), Kiko Aguado & Celia Mur (día 18 na Sala Contrabajo), Sesión dj a cargo de Bflecha (día 18 en La Fábrica de Chocolate), e o espectáculo musical Creativa Arte Sonora con Carlos Suárez, Xe e Colectivo Soopa (día 19 no Marco).