«Con pedagoxía pero sen concesións»

Camilo Franco

SANTIAGO CIUDAD

Os directores do CGAC e do Marco consideran que as programacións das dúas entidades culturais deben atender ao público sen renunciar á calidade e que queda moito traballo por facer cos espectadores

29 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O CGAC e o Marco conviven con características diferentes no mesmo ámbito da arte contemporánea. Os dous centros viven momentos distintos, aínda que non necesariamente opostos: o Centro Galego de Arte Contemporánea estreando director; o Marco asentado na programación. Os dous directores falan de posibles colaboracións e do papel que a arte contemporánea ten que cumprir aquí e agora.

Pregunta. ¿Cal é o papel dos centros de arte contemporánea?

Iñaki Martínez. No papel que temos que xogar os centros de arte contemporánea en Galicia hai un compoñente claramente educativo. Un papel de facilitar o acceso á cultura, de ser centros dinamizadores. As especificidades do caso galego teñen que ver coa circunstancia de onde estamos e a quen nos queremos dirixir.

Miguel von Haffe. O primeiro compromiso dun centro é traballar para a arte contemporánea. Isto enmarca dun xeito moi específico o contexto de traballo. Haberá moitas maneiras de facelo e creo que o panorama peninsular dos centros demostra que hai moitas maneiras de traballar. No caso do CGAC, eu, a diferenza do Marco, teño que ter en conta un pasado que é máis longo, e este pasado determina un pouco o que é a identidade deste centro. En canto á especificidade é obvio que se corresponde coas propias de estar implantado en Galicia e creo que ningún centro situado nun lugar, agás mala fe, pode traballar de costas a ese lugar. Pero hai dúas dimensións na arte contemporánea: a do que ti propós e a da calidade da recepción do que ti propós.

P. Parece que, en ocasións, a sociedade é algo refractaria á arte contemporánea. ¿En que medida hai que escoitar á sociedade cando se programa un centro de arte como os que dirixides?

I. M. Non estou de acordo en que a sociedade non sexa receptiva. Creo que se pode facer unha programación de arte contemporánea seria e, ao tempo, que dea facilidades para os non iniciados. Non se pode programar só para entendidos, pero tampouco podes facer o contrario. Non podemos pretender ser espazos para as masas ou que haxa colas de xente, pero tampouco se poden facer grandes concesións. Tanto Miguel coma min coñecemos fórmulas para encher o museo de xente, pero esa non é a solución. No Marco tentamos ofrecer información aos visitantes para que poidan chegar ata onde queiran. Temos información de sala, temos cursos e actividades de divulgación.

M.?V.?H. A tarefa dun director, dun programador se queres, é saber xogar con esas múltiples direccións sen poñer en perigo a calidade. Se sabes xogar con esa multiplicidade de propostas podes facer unha programación na que haxa exposicións con maior repercusión e outras que teñan unha recepción que poida ser máis difícil. Creo que sempre hai que valorar o papel que xoga o centro no seu contexto. Pero a cuestión fundamental é que a arte contemporánea hoxe en día funciona en rede e hai institucións que están recuperando un papel que non se estaba cumprindo. Por exemplo, nos anos noventa sucedeu que a lexitimación do artista na sociedade non foi a través dos museos e estes sentiron que perderan esa capacidade de referencia. Así que se puxeron a buscala. Eu teño criticado de maneira quizais moi aguda este papel porque me parece que é un traballo que os museos están facendo demasiado cedo. Hai outras entidades, centros máis experimentais, colectivos de artistas e os museos teñen que estar atentos a todo iso. Pero se os museos asumen todo o traballo o que fan é substituír aos outros axentes. Un museo non pode facer de galería, non pode ser só un centro experimental nin pode asumir decisións das carreiras dos artistas.

P. No panorama dos centros e museos, no peninsular ou no europeo, ¿non parece que se avanzou moito máis no artístico que na xestión dos seus públicos?

M.?V.?H. Creo que hai moito traballo por facer no xeito en que se comunican os contidos. O cambio máis paradigmático é o da aparición da comunicación dixital. Case todos os museos están tentando rendibilizar agora de maneira continuada esa comunicación dixital ata conformar case un mundo paralelo ao museo. Eu conto sempre unha historia para subliñar a importancia da continuidade na comunicación. No ano 89 traballando eu en Serralves houbo a conferencia dun crítico de arte alemán moi nomeado e para que non parecese que había só tres persoas, no público, os tres ademais do persoal do museo, foron chamar polos xardineiros. Iso foi en 1989. Hoxe calquera cousa que se fai en Serralves enche e iso débese a un traballo de continuidade e de que hai que crear público. Esa idea de que unha institución é capaz por si mesma de atraer espectadores non é certa. Ten que haber unha programación continuada. E se hai orgullo no traballo desa programación o que queres é comunicala. No caso do CGAC teño a sensación de que é unha institución invisible en Santiago de Compostela e en toda Galicia.

I.?M. Estou de acordo con Miguel na importancia das actividades educativas e da creación de hábitos culturais. Cando comezamos con este tipo de actividades, sen chegar a chamar aos xardineiros, tiñamos que ir chamando a xente para que se apuntase. Hai un centro semiperiférico do panorama español que comezou unha serie de actividades nas que pagan a cada espectador a cantidade de tres euros por asistir e parece que está cheo. Todo é cuestión de que se habitúen a acudir por máis que a medida poida resultar chamativa.