«Quotidianía delirante» de Miguelanxo Prado chega ao Iphone

Camilo Franco

CULTURA

Continental publicará as tres primeiras entregas do debuxante a finais deste mesmo ano

03 nov 2009 . Actualizado a las 18:45 h.

Miguelanxo Prado acaba de estrear páxina web e anuncia nela un intenso ano de traballo na elaboración do que será o seu novo álbum, Ardalén , e que poderá estar publicado contra finais do ano vindeiro. A finais deste outra novidade na obra do debuxante, Continental publicará Quotidiania Delirante para Ipod Touch e Iphone.

Segundo anuncia a produtora Continental contra finais deste ano aparecerán editados as tres primeiras entregas das debuxadas por Miguelanxo Prado para esta serie editada ata hoxe en distintas publicacións e tamén como álbum.

Mentres a produtora asegura que a edición para Iphone ou Ipod Touch desta serie será «animada e sonorizada» e cunha rotulación en varios idiomas que o usuario poderá elixir. A visualización das páxinas destas tres primeiras entregas anunciadas pola produtora ofrecerán a posibilidade de ser automáticas ou manuais e, segundo Continental, o traballo que se está realizando a estas alturas é alixeirar o peso do motor que move os deseños para que a descarga se poida facer da maneira máis rápida posible.

Para Miguelanxo Prado este novo soporte é unha «variedade do que a Rede pode ofrecer, unha adaptación para pantallas cunha distribución en rede». Para o debuxante aínda hai que saber a aceptación que pode ter o formato entre os lectores aínda que considera que non será «un soporte definitivo».

O debuxante considera que os formatos para estas pantallas pequenas «poden ser ideais para captar novos lectores e mesmo para sobreestimular aos que xa son lectores habituais das historietas, pero aínda non os vexo como o soporte definitivo para unha obra porque creo que a lectura que ofrecen non é a mellor».

Para explicar esta circunstancia Miguelanxo Prado explica que nun principio a intención era «publicar Trazo de tiza para os aparellos, pero eu non vía a maneira de que a historia quedase ben». Sinala Prado que cando se cambiou «para Quotidianía os resultados foron mellores en canto a posibilidade de lectura e por iso decidimos comezar por esta serie».