Manuel Lourenzo gaña o Álvaro Cunqueiro recreando a «Macbeth»

Camilo Franco

CULTURA

A entrega dos premios da Agadic iniciou a Feira das Artes Escénicas, que se celebrará ata o venres

20 oct 2009 . Actualizado a las 09:19 h.

Manuel Lourenzo foi o gañador do Premio Álvaro Cunqueiro de producións teatrais que organiza a Agadic, e que se deu a coñecer na primeira xornada da Feira Galega das Artes Escénicas e Musicais. Ademais da convocatoria de textos dramáticos para actor e para adultos, tamén se fallaron os outros tres galardóns que convoca a Axencia das industrias culturais.

O Premio Manuel María de literatura dramática infantil foi este ano para o escritor Xosé A. Neira Cruz, o Barriga Verde de textos de monicreques para adultos, para Ignacio Vilariño, e o mesmo premio na modalidade infantil distinguiu a Begoña García.

Na apertura desta edición da feira, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela Fariña, sinalou que era o «momento de apostar polo teatro feito en Galicia» e augurou un éxito para esta edición do certame, advertindo que se podía considerar un éxito dende xa.

Na súa intervención, o titular do departamento de Cultura lembrou a «necesidade de apoiar ao sector» e enumerou algunhas axudas que ofrece o seu departamento para apoialo, ao tempo que sinalou o papel da Agadic como «canle e ferramenta» para a promoción do mesmo.

O responsable da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero, especificou algunhas das actividades a desenvolver durante estes vindeiros catro días e subliñou a as axudas que se concederán por parte da axencia a aquelas compañías que sexan contratadas durante a feira para actuar fóra de Galicia.