Miguel von Hafe dirixirá un CGAC que terá un novo estatus xurídico

Camilo Franco

CULTURA

Roberto Varela considera que a modernización do centro debe recuperar espectadores

30 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Sobre as once e media da mañá de onte Miguel von Hafe Pérez (Porto, 1967) aínda non tiña noticias sobre o seu case inmediato nomeamento como director do Centro Galego das Artes Contemporánea. Media hora máis tarde o conselleiro de Cultura comunicou ao padroado do centro o nome proposto polo comité de expertos. O padroado aceptou e, segundo Roberto Varela, dende ese momento «pódese considerar que Von Hafe é director do CGAC».

A nova etapa do centro comezará de inmediato aínda que sen fecha prevista. Segundo Varela o nomeamento non será a única novidade para o futuro desta institución. Cultura ten previsto colocar ao centro no mesmo camiño que outros similares na Península. O conselleiro anunciou que o CGAC será «un organismo autónomo e terá un novo carácter xurídico». Hai dúas liñas posibles que a consellería estudará dende o punto de vista técnico: unha delas é a de organismo autónomo dependente da Administración, pero fóra dela, e outro unha fundación.

Segundo Varela esta é «unha transformación vital para a modernización do centro porque coa situación actual non pode nin recibir doazóns nin achegas privadas». O conselleiro de Cultura asegurou que non había aínda calendario para esta transformación, pero que, en calquera caso, comezaría de inmediato e sería un dos argumentos fundamentais para falar co recén nomeado director.

Un proxecto museístico

Miguel von Hafe Pérez, que asumirá a dirección do CGAC de maneira case inmediata, recibiu onte a aquiescencia do padroado tras ser elixido o seu proxecto entre outros quince iniciais e seis finalistas. Hafe foi elixido en parte pola súa longa experiencia en distintas institucións, Museu Serralves, Fundaçao Cupertino Miranda, o traballo desenvolvido na capitalidade cultural de Porto no 2001, o comisariado realizado para a Bienal de Pontevedra no 2004 ou o proxecto web que baixo o nome de Anamnese pretende compilar de maneira ampla a circunstancia artística de Portugal. Hafe foi tamén concelleiro na oposición polo Partido Socialista Portugués en Porto.

Ademais do currículo, foi definitivo segundo explicaron Roberto Varela máis o presidente do padroado, Vicente Arias, o carácter do proxecto que orientará ao CGAC de volta á actividade museística. O conselleiro apuntou que revisado o proxecto e sen entrar en detalles «propón unha actividade de museo máis que de centro de produción». Segundo Arias no centro «haberá máis exposicións e menos experimentación».

O conselleiro asegurou que só falara con Miguel von Hafe catro minutos, pero que na primeira conversa que teñan haberá dúas liñas que teñen que quedar clara na actividade do centro. Unha delas será a converter ao CGAC «nun referente internacional». A segunda ten que ver cos resultados e a circunstancia local do centro. «Pedireille que entenda a implicación local que ten o CGAC e o protagonismo local, de maneira que o centro e as súas actividades teñen que ter público». Arias sinalou que «debe recuperar o prestixio que o centro tivo na súa primeira etapa».