Pablo García Martínez gaña o premio Biblos-Pazos de Galicia cun retrato da mocidade galega

La Voz

CULTURA

11 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Pablo García Martínez, periodista arzuán de 23 anos é o gañador da 5.ª edición do Premio Biblos-Pazos de Galicia para menores de 25 años que se fallou no transcurso dunha cea que na noite de onte reuniu na Casa Grande do Bachao (Santiago) a un cento de personalidades do mundo cultural galego. A obra, que ten o título provisional de Relato dun estalido xordo , comezará agora a súa etapa de redacción definitiva na que o autor contará con Manuel Rivas (que non puido estar presente por atoparse de viaxe) como titor, e que rematará cara a fin de ano coa súa publicación en galego e en castelán.

Noutras edicións do concurso os gañadores remataron as súas novelas axudados por autores consolidados como Xosé Luis Méndez Ferrín ou Agustín Fernández Paz.

Con Pablo García Martínez foi finalista Zeltia Regueiro Fuentes, de Cambre (A Coruña), tamén presente na cea e que recibiu unha placa conmemorativa.

Troula adolescente

A obra do gañador do certame, contextualizada a acción dentro da cultura pop, retrata a un grupo de mozas e mozos sumidos nas transformacións da adolescencia, e a trama principal usa como fío condutor unha noite de troula para procurar deterse a debuxar as múltiples miserias que compoñen esa idade. Unha etapa da vida chea de inseguridades que os protagonistas partillan, ás veces falando e outras sen conseguir facelo. Os pensamentos que secundan cada un dos seus inseguros xestos ansiosos de aprobación dan forma a un mundo propio, autónomo e singular.

O xurado considera que o proxecto de Pablo García Martínez é potencialmente moi interesante e que o traballo realizado sobre o texto inicial anuncia unha novela que será quen de reflectir o mundo dos adolescentes dunha pequena vila do interior de Galicia. Un lugar que ben pode ser un trasunto de Arzúa, a vila natal do autor.

Antes da lectura da acta do xurado, os convidados á cerimonia puideron disfrutar dun concerto do Cuarteto de Clarinetes Xerión. Entre os asistentes á cea estaban diversas personalidades da cultura galega, como o mago Antón, o gaiteiro Carlos Núñez, escritores como Carlos Caneiro e Alfredo Conde, editores, libreiros, e representantes de institucións culturais de Galicia.