Cultura cesa a Olveira e o CGAC quedará sen director ata setembro

Camilo Franco

CULTURA

O centro manterá a programación ata que se resolva o concurso que escolla ao novo responsable

20 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Consellería de Cultura cesou onte ao ata agora director do Centro Galego de Arte Contemporánea Manuel Olveira. Segundo a consellería, o cese produciuse de maneira amistosa por ambas partes e facilitará o actual proceso de selección para o novo director.

A Consellería de Cultura sinalou que o centro quedará sen responsable máximo ata setembro, pero que se manterá toda a programación prevista polo actual director. Cultura reafirmouse onte no cumprimento dos prazos do concurso para seleccionar ao novo responsable asegurando que no mes de setembro haberá nome para a dirección do centro.

Desde a consellería explicaron que a situación de paréntese actual no CGAC aconsellaba rescindir o contrato co ata onte director do CGAC e que o propio Manuel Olveira estaba de acordo nesta circunstancia e no procedemento. Segundo a consellería o cese nestes momentos facilitará o proceso de selección da nova dirección de maneira que, recalca Cultura, incluso no caso de que Olveira quixera presentarse ao mesmo, sería máis fácil deste xeito. A consellería sinalou que as relacións con Manuel Olveira, que non puido ser localizado ao longo do día de onte por este periódico, eran as normais.