Cultura presenta as bases do concurso internacional para escoller ao próximo director do CGAC

C.?F.

CULTURA

Para a consellería, o director deberá ter experiencia acreditada na xestión de centros similares e ter vínculos tanto co mundo artístico galego como co internacional.

09 jun 2009 . Actualizado a las 10:34 h.

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentou onte ao Padroado do Centro Galego de Arte Contemporánea as bases que rexerán o concurso internacional para escoller ao próximo director do centro e que podería resolverse cara á fin deste ano.

Segundo a consellería, a intención é que o CGAC siga un proceso similar ao realizado noutros centros de arte como o Reina Sofía, o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona ou o Museo Picasso de Málaga. O punto de partida para estas bases está tomado do documento cero do sector para as boas prácticas que busca, segundo a consellería, «mellorar a imaxe pública do museo e facer del un centro que achegue a arte moderna a tódolos galegos e que sexa cita obrigada para os visitantes de Santiago de Compostela, cunha programación de incuestionable calidade a nivel internacional».

No mesmo sentido sinala a consellería que «estas boas prácticas relaciónanse estreitamente co papel social dos museos e centros de arte contemporánea e precisan do establecemento dun proxecto cultural ben definido, sobre o que estarán baseadas tódalas actuacións». Tal como presentou a consellería o concurso ao padroado do CGAC, un dos requisitos fundamentais será a presentación dun proxecto que defina as liñas de funcionamento do centro e que «deberá ter en conta a opinión, participación e o logro do máximo consenso posible entre os expertos e interlocutores do mundo do arte».

Para a consellería, o director deberá ter experiencia acreditada na xestión de centros similares e ter vínculos tanto co mundo artístico galego como co internacional; deberá posuír unha licenciatura universitaria e serán tidos en conta os traballos de carácter artístico ou científico que teña desenvolvido.

O candidato deberá presentar un informe ou memoria coas liñas xerais de actuación do CGAC cun horizonte de cinco anos de duración. Segundo a consellería, a intención neste caso é desvincular o mandato do director dos ciclos político,s de maneira que, se é elixido, poida desenvolver o seu programa durante o tempo para o que foi escollido.