«En cada nova pintura ou en cada nova serie que fago necesito idear outra forma de traballo»

Mercedes Rozas

CULTURA

Pintor lugués que expón na galería Trinta

19 may 2009 . Actualizado a las 11:09 h.

Antonio Murado presenta na galería Trinta os seus últimos traballos, paisaxes e retratos nos que asoma a memoria e a nostalxia deste artista lucense que vive en Nova York desde os anos noventa.

-Semella dous pintores, o dos retratos e o das paisaxes.

-Considérome un pintor abstracto, non constrúo co debuxo. Pódese dicir que a técnica é a mesma nos retratos fotorrealistas e nas paisaxes abstractas.

-Nos retratos nótase a vecindade coa fotografía.

-Si, é que teñen unha orixe fotográfica. Pedinlle a Asunta, a miña galerista, que me pasase fotografías de xente interesada en retratos. Son obras feitas co branco e o negro porque me atrae a fotografía antiga e tamén esa ambigüidade que confunde ao espectador, que se ten que achegar para saber se está diante dunha pintura ou dunha foto. Pero tamén teñen moito que ver coa nostalxia, co romanticismo.

-A obra vese moi afectada polos recordos da infancia.

-Sen dúbida, e dende hai algún tempo máis. Ultimamente cheguei a facer unha exposición sobre contos que se lle contan aos rapaces, algúns de medo ou de terror, co tema da escuridade, dos animais? Iso, recordos.

-¿Traballar en Nova York non inflúe na súa produción?

-Ten unha influencia relativa, foi importante ao principio cando empecei, cando tiña necesidade non só de promoción da obra senón de ter información do que se facía noutros sitios. Hoxe xa non porque a información viaxa soa. Inflúe máis a fuselaxe das vivencias, a memoria. O que pasa é que seguirei vivindo alí porque me gusta a cidade.

-A experimentación cos materiais é constante.

-É fundamental atopar unha relación directa do medio co resultado. En cada nova pintura ou en cada nova serie que fago necesito idear outra forma de traballo. Isto leva ás veces moito tempo, acabo pelexándome cos materiais, e isto ata pode ser desesperante, pero unha vez que teño escenificada ou esbozada a técnica, a velocidade da elaboración do cadro é máis rápida.

-¿Funciona o azar?

-Non tanto o azar. En realidade é poñer en marcha un mecanismo, é como cando tiras sementes nun campo e unhas crecen e outras non, ti sabes o proceso que vai ocorrer, pero hai unha gran marxe para desenvolvementos espontáneos, que non azarosos. Intento crear unhas condicións na obra cos materiais, vendo como se van comportar e despois deixo que os materias medren. Esta forma de traballar é influencia da natureza. Crear pinturas así ten algo de resolución a un misterio, como nas películas en que un crime se resolve cando na pileta do líquido revelador aparece o rostro do asasino no papel fotográfico, a emoción ao aparecer a imaxe no lenzo é similar.

-A luz segue sendo elemento significativo na súa pintura.

-Hai unha pintura na que emprego a técnica tradicional do empaste das luces, pero o resto dos cadros píntoos con veladuras ou capas de cor que transparentan as que están debaixo.