Carlos Valcárcel: «Falando interlingua non sufro o odio que aguantan os creadores en galego»

Pedro Rodríguez Villar
Pedro Rodríguez VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O profesor da Universidade de Vigo e influencer fai vídeos nun idioma inventado e ten 642.000 seguidores en TikTok

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Lingua es un construction social. Un instrumento que le societates ha create pro poter exister. Linguas face parte del cultura de un loco. Illos es le maniera in que un gruppo de personas ab un loco concrete comprende lor territorio e lor forma de vita. Interlingua non es isto. Illo es un lingua construite per un gruppo de linguistas professional in le medie del seculo passate con le unic objetivo de render lo facile a comprender». Enténdese? Non é galego nin italiano, é interlingua. «Se o entendes significa que eses lingüistas fixeron moi ben o seu traballo», explica Carlos Valcárcel (Pontevedra, 1972), o seu falante máis famoso.

O doutor en Filoloxía Románica e profesor da Universidade de Vigo ten case 900.000 seguidores nas súas redes sociais falando integramente neste idioma. Aínda está «sorprendido» porque xente de todo o mundo conecte, entenda e disfrute os seus vídeos. Curiosamente, é máis famoso en Italia ou en América Latina que en Galicia. E iso por que? «Pois polo algoritmo das redes sociais». Isto é a ferramenta que utilizan as plataformas para determinar que vídeos se mostran moito ou pouco. E ten moi en conta os idiomas. Interlingua non existe para o algoritmo, que o recoñece como italiano, castelán, portugués ou francés dependendo do número de palabras dunha destas linguas que haxa no vídeo. «Probablemente recoñézanme antes nunha rúa en Roma que en Vigo», conta Carlos.

Pero, por que en intelingua? «Pois non foi unha decisión moi meditada». Carlos quería que as súas alumnas de francés da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra fixeran vídeos curtos para coller soltura no idioma falando dos temas que quixeran. Sabía que iso podía darlle medo de entrada. Entón decidiu probar el a facer eses vídeos para que serviran de exemplo. Para elo, precisaba unha lingua na que non tivera moita soltura como o interlingua. Aprendéraa mentres traballa na súa tese doutoral, pero nunca a falara. Si que se comunicaba con outros por chats ou blogs, pero, daquela, alá polo 2005, non había aplicacións para facer vídeochamadas coma as de hoxe. E chegaron os primeiros vídeos e a viralidade. «Si, fixen un falando do campus de Pontevedra e tivo máis de 50.000 visitas cando non tiña nin cen seguidores». Foi o primeiro de moitos. Ao final, os vídeos chegaron antes a miles de persoas ao redor do mundo que ás súas alumnas. «Foi unha sorpresa».

Carlos viu que interlingua «na realidade funciona» e que conecta a xente de todos os recunchos do mundo. De novo, isto demostra que os que crearon esta lingua «fixérona moi ben». Un dos seus últimos vídeos fala do bilingüismo e vén dicir que é moi probable que calquera falante de dúas ou máis linguas entendan o que di. Nos comentarios pódese ler portugués, castelán, galego, inglés, francés ou italiano. Moitos chegan por primeira vez a súa conta dicindo: «Entendo todo, pero que idioma é este?».

[[@tiktok::https://www.tiktok.com/@orlophe_vauchertres/video/7351441368943758625?lang=es]]

O crecemento da súa conta tamén provocou que tivera que considerar se seguía ou non. Cada vídeo, «sobre todo ao principio», requiría moito tempo e para compaxinar falou coa Universidade de Vigo para tentear se podía acceder aos fondos de transferencia científica. O seu traballo era de divulgación e dixeron que si. «Así que decidín continuar», conta.

Os números agobian? «A min non moito porque a miña vida persoal case non cambiou. É certo que vexo as miñas contas crecer, coñezo outros creadores e tamén observo o lado malo deste sector e digo: ‘Eu non quero acabar así'». Non é o perfil habitual de influencer. «Claro que non. Son maior e fago un contido moi específico», condede. Tamén demostra que a lingua non é determinante para ter éxito en redes sociais: «Si, o contido é o que prima. Aínda que eu teño a sorte de non sufrir o odio que aguantan algúns creadores en galego». A Carlos non lle din en que idioma falar. «As caixas de comentarios dos creadores en galego ou en catalán están cheas de mensaxes que veñen dicir que se falaran en castelán sería mellor». Tamén os algoritmos das redes socias «teñen sesgos lingüísticos e ata Tik Tok traduce automaticamente os textos ao idioma que teñas configurado». Para Carlos, isto é un erro que «reduce a diversidade e crea burbullas lingüísticas e culturais». De novo, curiosamente, interlingua salta estes filtros para ser universal, como os seus vídeos. Ao final, esta lingua é un pouco como o que facía de neno. «Encantábame deseñar mapas de cidades e países imaxinarios». Agora, xa máis maior, conecta a xente de todo o mundo cunha lingua que imaxinaron uns lingüistas hai case cen anos. Faino sen fronteiras.

A túa mellor viaxe?

A mellor foi e será sempre Montreal (Canadá).

Unha cousa pola que vale a pena loitar?

A causa pola que loitaría, e non loito o suficiente hoxe, é por acabar co patriarcado e o sexismo. Estiven en asociacións LGBT nos noventa e nos 2000. Outra causa pola que loitaria e nunca loitei: a concienciación sobre a crise climática.

@orlophe_vauchertres

#CapCut #merci #thankyou #gracias #obrigado #français #limbaromână #руÑÑкий #メルシー #uvigo #interlingua

♬ nintendo wii (mii channel) song - julie on the internet