Alberto Cunha homenaxea á canción poética galega en «Escolma aberta»

VIGO

O libro reúne dez cancións, ilustración de Ramón Trigo e as creacións literarias de varios colaboradores

27 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Parecíame unha excelente idea recuperar esas versións; hai xente de certa idade a quen hoxe non lles soan nomes como Suso Vaamonde o Pucho Boedo; outros, pola contra, medramos con iso. Penso que é un traballo que non debería quedar sen máis e ter continuidade», di Javier Romero, director de Editorial Elvira. O libro do que fala é Escolma aberta. É un libro, pero tamén é un disco e un conxunto de ilustracións acompañadas por creacións literarias de varios autores.

A voz da parte musical pertence a Alberto Cunha, impulsor do proxecto. «Naceu das cancións que eu escoitaba de meu pai», apunta o cantante vigués. «A partir de aí, pensei que podíamos facer unha homenaxe ós poeta e ás persoas que os cantaron no seu momento, e unilo á pintura de Ramón Trigo», engade o crooner. A maiores, pensou que outras persoas poderían realizar unha reflexión literaria sobre ese conxunto.

Os poetas son Ramón Cabanilla, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Alfredo Conde, Manuel Curros Enríquez e Bernardino Graña. Os poemas foron musicalizados no seu momento por Luís Emilio Batallán, Suso Vaamonde, Amancio Prada, Xoán Rubia, Os Tamara, Juan Pardo e Vicente Araguas. E finalmente, a parte literaria do libro foi acometida, de diferente xeito, por Clara do Roxo, Eduardo Rolland, Noelia Otero, Pati Blanco, Ledicia Costas, María Lado, Antonio García Teijeiro, Moncho Lemos, Jacobo Buceta, Sil Cao Bao e Javier Ferreiro, fillo de Celso Emilio Ferreiro.

As dez cancións parten dos orixinais feitos no seu día, pero os tres irmáns Cunha (Eduardo, Alberto e Andrés) engadíronlle uns arranxos para actualizadas, aínda que manteñen un son limpo no que a voz sobresae. «O concepto do proxecto é escoitar ás cancións ao tempo que ves ás ilustracións e les os artigos dos colaboradores», sinala o músico vigués.

Na liña da Editorial Elvira, este traballo pretende tamén ser un libro con valor en se mesmo. «Decidimos que este traballo merece ser un obxecto tamén, algo que vas ter na casa durante moito tempo», afirma Javier Romero.

Unha vez á venda nas librerías, Alberto Cunha xa ten un plan previsto para levar o proxecto aos directos. «Imos ir cunha pantalla led na que aparecerán as ilustracións e os personaxes protagonistas do libro. En directo iremos Andrés e máis eu; con ese formato podemos acudir a escenarios distintos». conclúe.