O director xeral de CRTVG defende a cobertura que os medios públicos fixeron do caso Rubiales

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Alfonso Sánchez Izquierdo, director general de CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo, director general de CRTVG XOÁN REY | EFE

As deputadas da oposición Alexandra Fernández (BNG) e Noa Díaz (PSdeG) denunciaron que contribuíron á «revitimización» da futbolista Jenni Hermoso

30 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O director xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu onte a cobertura que o ente público realizou da polémica que se desatou tras a final do mundial de fútbol feminino, a raíz do bico non consentido do expresidente da Real Federación Española de Fútbol Luis Rubiales á futbolista Jenni Hermoso.

Na súa comparecencia na comisión permanente non lexislativa de control da CRTVG, Sánchez Izquierdo afirmou que a cobertura foi «correcta e proporcionada», e engadiu que o caso Rubiales abordouno a sección de deportes, xa que facelo doutro xeito podía causar malestar nos profesionais desta sección, por sentírense «infravalorados na súa actividade profesional».

Fixo fincapé tamén en que o asunto «saía sistematicamente en titulares de cada informativo».

Finalmente, Sánchez Izquierdo apuntou que «ningún cidadán ni organización» criticou a cobertura, tan só o fixeron «organizacións políticas, exercendo, por suposto, o seu dereito».

As deputadas da oposición Alexandra Fernández (BNG) e Noa Díaz (PSdeG) criticaron que os medios de comunicación públicos de Galicia dedicaron ao caso Rubiales no só pouco espazo, senón ás veces nin unha soa mención nas súas grellas dos informativos xerais. Tamén denunciaron que contribuíron á «revitimización» da futbolista Jenni Hermoso, que presentou unha denuncia.

Reprocharon, de igual maneira, que os responsables de CRTVG intentaron esconder as declaracións «inaceptables» do presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, así como tamén as intervencións da oposición sobre este tema. Alexandra Fernández reprochoulle á TVG que se fixese eco dun vídeo «manipulado» por Luis Rubiales, e aludiu ao «machismo cegador» con que, na súa opinión, se abordou todo este asunto.