Patrocinado porPatrocinado por

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural contará o próximo ano cun 11,4 % máis de orzamento

Somos Agro REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

Cedida

Disporá de 63,6 millóns de euros para seguir avanzando na mobilización, planificación e dinamización do rural

15 nov 2023 . Actualizado a las 09:49 h.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, aumentará o vindeiro ano un 11,4% o seu orzamento con respecto a este 2023, acadando unha cifra global de 63,6 millóns de euros, para continuar avanzando na mobilización, planificación e dinamización do rural. Así o afirmou a directora xeral da Axencia, Inés Santé, que compareceu no Parlamento hai uns días  para dar detalles sobre as súas contas para o 2024. Na súa intervención, a directora xeral apuntou que este orzamento está destinado a catro liñas estratéxicas de actuación: a mobilización e recuperación da terra agraria, a planificación e dinamización do territorio rural, o programa Leader e a innovación e promoción internacional.

Respecto á mobilización de terra, Inés Santé sinalou que dende a Axencia a premisa é continuar avanzando no desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia a través de inversión directa para a aplicación dos instrumentos de ordenación, mobilización e recuperación de terras, ademais de habilitar novas liñas de axuda para actuacións vinculadas a estes instrumentos. Deste xeito, destinaranse 7,3 millóns de euros  a implementar polígonos agroforestais e aldeas modelo. Tamén se levarán a cabo outras iniciativas vinculadas á Lei de recuperación, que en total contará o vindeiro ano con máis de 10,5 millóns de euros para seguir avanzando no seu desenvolvemento.

 Desagregado por partes, en primeiro lugar, mantense o orzamento de fondo FEADER destinado á recuperación da terra agraria a través de polígonos agroforestais e aldeas modelo, que suma en total 5 millóns de euros ?3,4 millóns de euros procedentes do PDR e 1,6 millóns de euros do novo PEPAC-. A estas funcións, xunto o funcionamento ordinario do Banco de Terras, tamén se destinan fondos propios, en total 700.000 euros. Así mesmo, consignaranse 1.260.000 euros para a recuperación da terra agraria nas zonas afectadas por grandes incendios forestais no marco do convenio con Inditex. Ademais, destinaranse 360.000 euros para continuar co desenvolvemento de aplicacións informáticas para a xestión destes instrumentos, tanto para a súa tramitación pola administración como para o acceso á información por parte dos cidadáns.

Por outra banda, a directora xeral indicou que o ano que vén continuarán a traballar nos primeiros Plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo, como mecanismo de cooperación entre o concello e a Xunta para levar a cabo a revitalización económica e demográfica das aldeas modelo. En concreto, darase continuidade aos catro proxectos piloto destes Plans actualmente en desenvolvemento, os das aldeas modelo de Muimenta, Trascastro, Osmo e Penedo. Para iso, destinaranse máis de 660.000 euros en concepto destes proxectos piloto, que servirán de referencia para confeccionar un modelo de plan, contrastado previamente de xeito real. Este modelo procurará que a recuperación dos núcleos rurais sexa integral, seguindo os criterios de respecto á arquitectura tradicional, de autosuficiencia enerxética ou a conectividade dixital, entre outros. Ademais, este modelo empregarase para a posta en marcha dunha liña de axudas para a elaboración de Plans de dinamización na restantes aldeas modelo, para a que designarán 170.000 euros -este orzamento suporá tan só o 10% dunha convocatoria bianual-.

 O orzamento de 2024 tamén permitirá dar continuidade á convocatoria de axudas para infraestruturas ou dotacións municipais en núcleos vinculados a instrumentos de recuperación, asegurou Inés Santé. Neste caso, como novidade, a convocatoria será bianual, polo que contará cun importe de 1,5 millóns de euros, coa previsión de acadar os tres millóns de euros no 2025. Isto supón un aumento no importe desta liña de achegas en preto dun millón de euros, un incremento superior ao 43%. Segundo explicou, haberá unha partida de 875.000 euros para os instrumentos de planificación de usos contemplados na Lei de recuperación, como o Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Así mesmo, a Axencia contará cun orzamento de 50.000 euros para dar continuidade a unha liña de axudas que xa se puxo en marcha no vixente ano para financiar os gastos notariais e de inscrición no rexistro da propiedade dos predios incluídos nas permutas de especial interese agrario.

 Dinamización do rural

No referido á mellora de infraestruturas e servizos rurais, a Axencia ten previsto continuar nesta liña a través de diferentes medidas do PDR, asegurou a directora. Para iso, incrementarase o orzamento para o Plan de Mellora dos camiños de titularidade municipal -coñecido como Plan Marco- nun 8%, que permitirá lanzar tamén unha nova convocatoria para as anualidades do 2024 e 2025 dotada de 19,5 millóns de euros, 1,5 millóns de euros máis que a do ano anterior.  Pero ademais de contribuír á mellora das infraestruturas, a Axencia apoiará a dinamización económica destinando 2,9 millóns de euros ás axudas para a creación e a modernización e/ou ampliación de actividades non agrícolas destinadas a reforzar o tecido empresarial no ámbito rural.

 Dentro desta liña de axudas, inclúese unha submedida para o apoio a actividades empresariais non agrícolas vinculadas aos instrumentos de recuperación da terra agraria, buscando así a sinerxía entre os sector primario e outros sectores de actividade. Deste xeito a actividade vinculada ao sector primario e á recuperación da terra agraria, serán á súa vez o xerme de novas actividades económicas que impulsen o desenvolvemento rural.

 Programa Leader

Pola súa banda, o Programa Leader contará no ano 2024 cun orzamento total de 21,2 millóns de euros, o que supón un incremento do 30% no orzamento total destes programa con respecto ao do vixente ano, informou a directora xeral. Deste orzamento destínase un montante total de 16,6 millóns de euros á para apoiar, a través dos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDRs) de Galicia, proxectos tanto produtivos, destinados á creación de riqueza e emprego no rural, como non produtivos, orientados á dotación de servizos e equipamentos á poboación. Precisamente, esta partida incrementouse nun 59% con respecto á do ano pasado.

 Así mesmo, destinaranse 4.600.000 euros, combinando 3,1 millóns de euros do PDR e 1,5 millóns de euros do PEPAC, para os gastos de funcionamento e animación dos GDRs, garantindo así o seu funcionamento no 2024 e no próximo período 23-27. Este orzamento permitirá comezar a tramitar xa mesmo a addenda ao convenio de colaboración cos 24 GDRs de Galicia, que dará continuidade aos 60 técnicos e profesionais destes grupos que desenvolven a súa labor pegados ao territorio e ao longo do ano que vén. Ao longo do ano que vén asinarase o novo convenio no marco e con orzamento do PEPAC, asegurou Inés Santé.

 Promoción e innovación rural intelixente

Por último, a directora xeral centrouse no departamento da Axencia que ten como obxectivo promover actividades innovadoras que contribúan ao desenvolvemento rural, aliñadas coa política europea de smart villages ou smart rural -que pode traducirse como vilas intelixentes ou rural intelixente-. Neste senso, a Axencia está a participar en múltiples proxectos europeos de innovación vinculados ao medio rural. En concreto, destacou o proxecto de Compra Pública de Innovación Aldeas intelixentes, solucións de futuro para aldeas sostibles, que aumenta en máis dun 950% ata acadar os 2 millóns de euros. Este orzamento destinarse a varias actuacións ou proxectos distintos como cofinanciar un proxecto do Ministerio sobre xemelgos dixitais en colaboración coa Amtega ou para a posta en marcha dos primeiros contratos de compra pública de innovación (CPI) con fondos propios para o desenvolvemento de comunidades enerxéticas e á aplicación de tecnoloxías TIC e intelixencia artificial (IA) para a mellora dos servizos e as actividades agrarias nas aldeas.