Bonaval acolle unha homenaxe a Castelao polo 74 aniversario do seu pasamento

Margarita Mosteiro Miguel
Marga Mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

cedida

A Fundación anima a celebrar un acto conmemorativo no vindeiro 28 de xuño para conmemorar os 40 anos da chegada a Santiago dos restos do insigne galeguista

08 ene 2024 . Actualizado a las 18:12 h.

O Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, en San Domingos de Bonaval, acolleu este domingo un sinxelo pero sentido acto de homenaxe á figura de Daniel Castelao con motivo do 74 aniversario do seu pasamento. En presenza, entre outros, da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, enumerou as importantes efemérides que conflúen neste ano, e que, defendeu, merecen un recoñecemento público. Lembrou así os 40 anos que se cumprirán o próximo 28 de xuño da chegada dos restos de Castelao a San Domingos de Bonaval, e pediu aos cidadáns e autoridades «que estiveron alí un acto conmemorativo deste feito, que foi unha decisión do Parlamento de Galiza». Recoñeceu que as próximas eleccións autonómicas complicarán a organización dese evento, pero apuntou que «Castelao e Rosalía non teñen discusión». Seixas Seoane sinalou que a homenaxe pola chegada dos restos do insigne galeguista a Galicia podería ser un bo momento para destacar a Lei que supuxo un cambio no nome do Panteón de Galegos Ilustres introducindo o de Galegas, e que foi aprobada o ano pasado polo Parlamento. 

Coincidindo co ano no que os restos de Castelao foron depositados en Bonaval, no 1984, tamén se creou a Fundación que leva o nome do escritor e político de Rianxo. Seixas Seoane dixo que, neste ano dun aniversario redondo do nacemento da Fundación, «seguiremos loitando para que en Rianxo haxa un lugar da memoria, donde Castelao viviu; e seguimos reclamando que a Fundación teña unha sede digna en Santiago de Compostela». 

Por outro lado, Seixas Seoane recordou que «cumprense cen anos da edición do xornal 'Pueblo Gallego', no que Castelao colaborou xunto a toda a intelectualidade do momento». Destacou tamén os cen anos dende que escomenzaron a imprimir  «As cruces de pedra na Galiza» de Castelao, que non remataría ata o 1979. Neste 2024 se cumprirán 80 anos da primeira edición de «Sempre en Galiza», editado durante o exilio do autor en Bos Aires. E tamén se conmemorarán os 80 anos da creación do Consello da Galiza, igualmente na capital arxentina e coa presencia de Castelao. 

Homenaxe a primeira tese en galego

No capítulo de reivindicacións, o presidente da Fundación Castelao tamén remarcou un reto a propia entidade. Porque neste 2024 tamén se cumpren 50 anos da publicación da primera tese escrita en galego. Foi feita por María Teresa Otero Sande. É unha «contribuición a un estudo da narrativa de Castelao». Seixas Seoane dixo que «só polo feito de que sexa a primeira tese en galego dun tema vinculado a Castelao, e feita por unha muller, merece unha homenaxe». Para elo, a Fundación recompilará datos e tentará localizar a descendentes o parentes da muller para esa «merecida homenaxe». Non deixou pasar o recordo do feito de que o ano pasado o Ministerio da Presidencia, no homenaxe da memoria democrática, entregou un diploma recoñecendo a Castelao como vítima do franquismo. 

O acto rematou coa interpretación do Himno Galego e cunha ofrenda floral na que participaron as autoridades presentes sobre a tumba do ilustres. Nesta ocasión, no chan, colocouse unha fila de flores de papel feitas por Anaquillos de Papel, unha asociación da Coruña. Ao final do acto, o presidente da Fundación Castelao invitou aos asistentes a levar unha das flores en recordo polo acto de homenaxe ao galeguista.