Concorridos cantos de taberna abren hoxe a Foliada de Melide

La Voz MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

Sandra Alonso

O día, con tamén marcha gaiteira e serán, reunirá a grupos de Galicia e do País Vasco

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Melide celebra esta fin de semana a décimo sétima edición da súa Foliada, que, como encontro consolidado e de referencia que é para profesionais e afeccionados ao folclore musical galego, reunirá a músicos e agrupacións de toda Galicia, e mesmo do País Vasco, que acolle, dende os anos da emigración, a unha numerosa comunidade de galegos e, particularmente, de melidenses. Vinte e un grupos procedentes, ademais de do concello anfitrión, da Coruña, Santiso, Arzúa, Ribadeo, O Pino, Boqueixón, Frades, Chantada, Toques, Oleiros, Ortigueira, Cervo, Bilbao e Barakaldo participarán no concurso de cantos de taberna co que arrincará a mediodía a Foliada melidense. Desta volta, non serán os taberneiros quen puntúen, senón un xurado integrado por profesionais da música e do baile tradicionais.

Outros dos momentos máis concorridos da xornada inaugural van ser, a partir das sete tarde, a marcha gaiteira e posterior serán, que reunirán agrupacións de música tradicional de toda a Terra de Melide, xunto con formacións de Arzúa, Culleredo, Santurtzi, e do barrio bilbaíno de Recalde.

Con anterioridade, Miguel Sotelo impartirá cadanseu obradoiro de baile para a rapazada e para adultos, en colaboración co grupo Bico da Balouta. Os Treboeiros da Muimenta serán quen, xunto con xigantes e cabezudos, animen os pasacalles no día de hoxe, que rematará pola noite coa actuación de Ailá.

Máis música o domingo

Da primeira das xornadas da Foliada de Melide quedará para o domingo a mostra de artesanía e instrumentos tradicionais que, cunha vintena de expositores, poderá visitarse durante toda a fin de semana na praza do Convento, que, ás 13.00 horas, acollerá a actuación da banda de gaitas Arume de Malvas, e, xa pola tarde, a de Pesdelán, dirixida ao público infantil, e unha exhibición de baile tradicional galego, a cargo de O Fiadeiro.

A presentación do libro Concha do Canizo. Este pandeiro que toco, que asina a etnógrafa e musicóloga Xulia Feixoo, unha sesión vermú co dúo Pärbo, e un obradoiro de xogos tradicionais, dirixido pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT), enfilarán a recta final da presente edición da Foliada de Melide. Despedirase coas actuacións de Xurxo Fernandes, que levará ao escenario o espectáculo «Levaino», e de Xosé Lois Romero e Aliboria, que presentarán o seu segundo disco, Latexo.