Santiago homenaxeará a Zeca Afonso e cantará «Grândola Vila Morena» polo aniversario da Revolución dos Caraveis

La Voz

SANTIAGO

cedida

Unhas setecentas persoas xa están inscritas para participar na interpretación do tema o día 25 ao pé do Auditorio de Galicia

20 abr 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Santiago conmemorará o día 25 o cincuenta aniversario da Revolución dos Caraveis cunha dobre cita. Ao acto popular aberto á toda a cidadanía para cantar colectivamente á entrada do Auditorio de Galicia a canción «Grândola Vila Morena», que Zeca Afonso interpretara por primeira vez no mesmo lugar en 1972, engadiráselle un concerto a partir das 20.30 horas no Teatro Principal no que artistas galegos e lusófonos ofrecerán varias pezas do cantautor portugués.

Unhas setecentas persoas xa están inscritas para participar na interpretación colectiva a partir das 18.30 horas na praza da Música de «Grândola Vila Morena», segundo detallou onte a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao. A inscrición para sumarse segue aberta ata mañá.

A celebración continuará ás 20.30 horas no Principal co concerto «50 anos de abril» que promove a Associaçao José Afonso en Galiza (AJA Galiza) co apoio do Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. A iniciativa achegará o repertorio musical de Zeca Afonso desde diferentes estilos a través das versións que farán o dúo compostelán Dara e Manuel, o dúo luso-brasileiro Couple Coffee conformado por Luanda Cozetti e Norton Daiello e o trío integrado por Nacho Muñoz, Faia e LAR Legido.

O dúo Dara e Manuel, formado por Aldara Palmeiro e Manuel Lucas, interpretará a «cançao de intervençao» a través dos seus instrumentos: violín, voz, viola caipira e sintetizador. Couple Coffee aposta polas novas sonoridades, mentres que Nacho, Faia e LAR profundarán na figura e repertorio do cantante portugués cun concerto entre a tradición, a vangarda e a experimentación sonora. A entrada é de balde ata completar a capacidade.