O CDG reúne vinte intérpretes na montaxe polos seus 40 anos

La Voz

SANTIAGO

Cedida

«Os actos e as profecías», que se estreará en abril, ten como fío condutor os «talent shows»

14 dic 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) conmemorará o 40 aniversario da súa creación no 2024 con «Os actos e as profecías», unha das súas montaxes máis ambiciosas ao reunir un elenco de vinte intérpretes baixo a dirección artística de Tamara Canosa, quen tamén asina a dramaturxia xunto a Xacio Baño. A primeira quenda de ensaios comezou esta semana no Salón Teatro de cara a súa estrea en abril.

Esta montaxe central do aniversario ten como fío condutor os «talent shows» televisivos. A partir de aí, a peza aborda temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio. De representala encargaranse Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro «Cou», Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal, que foron seleccionados nunha audición á que se presentaron más de 80 intérpretes de toda Galicia. O elenco xunto ao resto de membros do equipo recibiu a visita do director da Agadic, Jacobo Sutil.

O CDG tamén contará neste 40 aniversario cunha coprodución con Teatro ó Cubo —«De Vilatriste a Vilalegre»—, así como a recuperación da montaxe «Terceiro acto» no segundo semestre.