Obras na eira

Natalí González Cacho

RELATOS DE VERÁN

CEDIDA

30 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Fiuncho, un pequeno can mestizo de cor castaño. Mais o seu amigo Azabache, un gatiño negro de ollos verdes. Estaban esgotados, pero tamén satisfeitos, pois conseguiran escorrentar da eira a uns homes que, aproveitando a ausencia de Ofelia (a humana coa que compartían casa), comezaran a facer buratos por todo o xardín.

Os dous homes chegaran pola mañá cedo e, ó principio, todo fora ben. Comezaran a descargar tuberías dunha camioneta e fixéranlle aloumiños a Fiuncho e a Azabache cando estes se achegaran a curiosear. Despois estiveron falando amigablemente con Ofelia de algo chamado «riego» e «aspersores» e andiveran tomando medidas pola eira. O problema foi que, en canto Ofelia marchou facer uns recados, os homes comezaron a facer buratos con picos e sachas.

Fiuncho e Azabache sabían que estaba terminantemente prohibido facer buratos na eira pois Ofelia alporizábase moito con eles cando facían algún perseguindo toupas ou lagartijas. Primeiro trataron de avisar ós homes con ladridos e miaños pero, como non lles facían caso, tiveron que cambiar de estratexia.

Aproveitando un momento no que os homes se abaixaron para meter unha tubaxe nun dos regos que fixeran Fiuncho enganchou a un mordéndolle o cinto para tentar arrastralo fora da eira. Mentras Azabache saltaba na cabeza do outro para tentar taparlle os ollos. Así estiveron preto de media hora, Fiuncho tentando arrastrar a un deles enganchándoo polo pantalón e Azabache ata foi buscar unha toupa morta que pillara facía 3 días para ofrecerlla ó outro home a ver se paraba de furar no xardín. A verdade e que se formou tal circo na eira que ata algúns veciños acudiron a ver que pasaba amosándose asombrados ante a actitude de dous animaliños tan pacíficos coma Fiuncho e Azabache.

Ó final os dous homes sairon da eira e, aínda que parecía que ían enoxados, Fiuncho e Azabache sabían que era moito mellor que saísen antes de que volvese Ofelia. Porque seguro que, se os vía furando no xardín ía comezar a perseguilos coa fregona por toda a eira (que era o que facía con eles os dous).

Natalí González Cacho. 49 anos. Boqueixón.