A familia de amigos que pasou de mirar o abismo á éxtase do ascenso á Tercera

Pablo Penedo / Martina Miser VILAGARCÍA / LA VOZ

SANXENXO

Plantel, técnico e presidente coinciden en sinalar a unión do grupo como a clave da metamorfose do Vilalonga no último ano

16 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Foi un ascenso moi sufrido e traballado inda que non o pareza». O propio autor da frase, Marcos Blanco, é o primeiro en ser consciente de que falar así do regreso do Vilalonga á Tercera R.F.E.F. seis anos despois resultará chocante para todos cantos descoñezan a historia detrás dun equipo quen de asegurar o salto de categoría con cinco xornadas de Liga inda por disputar. Pero todos e cada un dos que compartiron vestiario co pichichi do campionato os doce últimos meses saben ben do que está a falar. Tamén o presidente do club celeste, Marcelino Muñiz, o máis sufridor xunto, probablemente, o capitán, Nico Fraga, de todos os protagonistas dunha das maiores fazañas deportivas na historia dunha entidade camiño dos 80 anos.

«O ano pasado pasámolo mal e acabamos salvándonos por pouco. Montaramos o equipo para estar da metade para arriba e a pouco máis descendemos», recordaba onte un Marcelino Muñiz que celebrou como o que máis un ascenso polo que leva loitando desde que hai seis anos asumira a dura tarefa de devolver á Tercera R.F.E.F. a un Vilalonga que acababa de descender.

Un nome propio aparece á hora de conectar os dous extremos da corda entre os que se moveu o equipo sanxenxino, pasando de bordear o abismo a conquistar o aplauso polos seus 20 triunfos en 29 partidos para un total de 65 puntos, que poderían acabar sendo 80 se o cadro do Novo San Pedro gaña os cinco encontros que lle quedan na Liga. Ese nome propio é o do porriñés afincado en Raxó Luciano González. Dez partidos faltaban a comezos de abril do 2023 para a conclusión da temporada cando a directiva de Muñiz relevou a Ricardo Fernández, co Vilalonga véndose nese momento na Primeira Galicia o curso seguinte. Luciano González, que daquela adestraba o equipo infantil celeste, foi o elixido en primeiro termo para tentar remontar o voo. Non foi ata a derradeira xornada de Liga, pero cumpriuse o obxectivo, sen depender de terceiros resultados.

«Cando cheguei sabía que había moi bos xogadores. O único que tentei foi convencelos de que eran mellores xogadores do que dicía a clasificación», comentaba onte o técnico. Superado o endiañado exame final e renovado no banco do Novo San Pedro, non o dubidou: «Apostamos pola continuidade do cadro de xogadores máis catro reforzos que nos deron un salto, sobre todo a nivel humano». E aquí chegamos á fórmula do éxito do Vilalonga. «Non nos considero un equipo de fútbol, considéronos unha familia. Por ese equipo humano, de xogadores e dos que formamos o corpo técnico, conseguimos estar arriba toda a temporada», declara Luciano González. Todos, por separado, din o mesmo.

«A clave foi o grupo que se montou. Fixeron unha piña entre eles. É un vestiario que está moi unido», comenta o presidente. «Levabamos uns anos no Vilalonga un pouco complicados», di o seu capitán e xogador celeste nas sete últimas campañas, desde a última na Tercera. «O que vivimos esta temporada é un soño para calquera futbolista. É unha cousa que nunca vivira. Somos un grupo de amigos». Para mostra, desvela Nico Fraga, un botón. A viaxe de catorce deles a Oporto para desfrutar do Porto-Arsenal de oitavos de final da Champions.

«Ascender desta maneira, tan pronto, a falta de cinco partidos; ninguén contaba con iso», conta o pichichi Marcos Blanco, autor de 21 dos 59 goles que leva o Vilalonga en Liga. Dito isto, o dianteiro tiña toda a fe no colectivo: «Eu vía que o nivel do equipo era espectacular. Xa non falo só do nivel futbolístico, senón do que nos queremos, de como nos tratamos durante a temporada, do grupo humano que se fixo». Un logro que o futbolista lle atribúe a «o gran traballo de xestión de vestiario de Luciano, tanto aos que xogabamos como aos que non, implicounos a todos». Un cumprimento que o técnico fai na dirección oposta, dándolles ás grazas aos seus futbolistas «porque fixeron un esforzo enorme; o mérito é deles».

No que Marcos Blanco e Luciano coinciden é en refutar a quenes afirman desde hai tempo que a súa traxectoria obedece a unha dinámica de líder —o Vilalonga éo desde a xornada 6—. «Isto non unha dinámica, isto é traballo, traballo e traballo», subliñan. Que o seu presidente opina igual queda claro cando adianta que «a nosa idea é que sigan Luciano e a maioría dos xogadores; meréceno».

Conquistar o título, celebralo a xeito e gañar a praza na previa da Copa do Rei, os novos retos

Conseguido o ascenso, o Vilalonga ansía moito máis antes de pechar o curso. Cun primeiro obxectivo. «Despois de todo este ano, a ver se somos quen de acabar campións», di o capitán, Nico Fraga. Un reto que só os propios homes de Luciano semellan poder evitar, con 9 puntos de vantaxe sobre o hoxe segundo clasificado, o Céltiga, cando só restan 15 en xogo.

Celebrar o ascenso cunha festa como é debido é o segundo mandado que se dá o club. Logo de improvisar unha pequena festa con pinchadiscos no Novo San Pedro e na contorna do campo tras coñecer a derrota do Valladares en Velle, o desexo do presidente do Vilalonga é facer a celebración oficial o 11 de maio, tras xogar co Céltiga na penúltima xornada de Liga «se o Céltiga está tamén entón ascendido», aclara Muñiz.

E como guinda, sinala o seu capitán, o Vilalonga quere gañar a Copa de fútbol afeccionado e facerse coa praza galega na eliminatoria previa da Copa do Rei 2024/25.