O Surfing the Lérez dará o disparo de saída ao verán pontevedrés o 14 e 15 de xuño

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A Illa do Covo acolerá un ano máis a cita 

22 abr 2024 . Actualizado a las 11:22 h.

O festival de música por antonomasia de Pontevedra, o Surfing the Lérez, vén de presentar boa parte da súa programación para este 2024. A cita, que mantén a súa esencia intacta — localización na Illa do Covo, entrada libre e ambiente diverso e familiar—, celebrarase entre os días 14 e 15 de xuño. «Este venres podemos anunciar que o verán comezará unha semana antes en Pontevedra», explicaba o edil de Cultura, Demetrio Gómez. O festival chega a súa edición número trece.

O Surfing the Lérez recupera a súa colaboración co artista pontevedrés Santiago Paredes para o deseño do seu cartaz, no que aínda faltan algunhas agrupacións de peso por confirmar, e homenaxea á Sala Karma, combinando unha mostra de bandas que pasaron pola sala de concertos da Boa Vila, ao tempo que mestura grupos xa consolidados. para o día 14 está prevista a presenza de Chef Creador, Hydn, Juno, Galician Army, Javier Lago, Grande Amore, Djow, Neno Tribal, Meu Cariño e La Suprema. E o sábado 15 será o turno de The Rapants, Atención Tsunami, Niños Mutantes, Joe Crepúsculo, Gorllitox, Los Marcianos, Meu, Lady Banana, Camellos, Ortiga, Señora DJ, Karma DJs, Baby Romeo, BB Wav + Elba, Parking Dust e Maefield..

Na Illa do Covo haberá de novo zona gastronómica, barras de bebidas e un posto de recollida de alimentos, pois esta é a entrada simbólica que os asistentes deben entregar, poñéndose o reto este ano nas 10 toneladas de alimentos a recoller pola Rede Axuda.