Amancio Prada musicará os «Seis poemas galegos» de Lorca no concerto de Aninovo de Pontevedra

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Acto de presentación do Concerto de Aninovo no Concello de Pontevedra
Acto de presentación do Concerto de Aninovo no Concello de Pontevedra CONCELLO DE PONTEVEDRA

Participarán a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e Tequexetéldere

16 dic 2023 . Actualizado a las 00:21 h.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez (BNG), desvelou este luns unha das sorpresas que quedaba por avanzar en torno á programación do Nadal en Pontevedra: a presenza de Amancio Prada no tradicional Concerto de Aninovo, que organizan a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra e Tequexetéldere. O evento terá lugar o día 1 de xaneiro ás 19.30 horas no Pazo da Cultura, e as entradas están xa á venda en ataquilla.com, a partir de 12 euros.

A presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, Judith Rey, explicou que o concerto estará dirixido por David Fiuza e entre as pezas que se tocarán figura «unha versión sinfónica a modo de suite dos 6 poemas galegos de Federico García Lorca, que foron escritos entre 1932 e 1934, que son unha adaptación orquestral feita polo propio David Fiuza». Será nesa parte na que intervirá Amancio Prada, que segundo sinalou Judith Rey «está encantadísimo de poder vir a Pontevedra e revivir os seus recordos de neno nas súas viaxes familiares».

Tamén participarán tanto a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra como as Pandereiteiras do grupo folclórico estradense Tequexetéldere. «Teremos algunha sorpresiña máis, pero haberá que vir ao concerto para poder descubrila», apuntou Rey, que non obstante confirmou o que xa é un clásico: «Por suposto faremos esa viaxe de Galicia a Viena, na que soarán valses e polcas do tradicional concerto de aninovo».

Pola súa banda, o presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra , Carlos Valle, quixo agradecer a o convite cursado para participar «nun acto que ten unha especial significación, desde o punto de vista cultural pero tamén en clave simbólica porque as poesías de Lorca, a lingua utilizada e o feito de que paseniñamente, cada vez se fan máis nosas, cada vez son máis coñecidas e teñen unha maior proxección».

Valle lembrou que a Sociedade Coral Polifónica está próxima a cumplir o seu centenario, feito que se conmemorará no ano 2025.