A gran feira da produción cultural galega volve a Pontevedra en decembro

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Ramón Leiro

Culturgal ten previsto acoller unhas douscentas accións en diversos eidos

16 nov 2023 . Actualizado a las 22:30 h.

«O maior escaparate da produción cultural galega». Estas palabras da deputada de Cultura na Deputación da Coruña, Natividad González, sintetizan a filosofía de Culturgal, que foi presentado onte en Pontevedra e desenvolverase do 1 ao 3 de decembro. Nesta edición a cita pasa a denominarse Feira das Culturas Galegas reflectindo a súa vontade de recoller o carácter plural, xa que, segundo remarcou Víctor López, presidente de Culturgal, «o panorama cultural de Galicia é máis amplo, más variado e máis complexo ata punto de que xa non podemos falar dunha única cultura galega, senón que temos que falar de varios tipos de culturas galegas», unha realidade que se reflexa na programación.

Neste sentido, dous son os términos sobre os que pivotará a edición deste ano, a número 16. Por un lado, medrar. «Culturgal medra como medra a cultura do país», apuntou Víctor López aludindo a que, por primeira vez, desenvolveranse dúas xornadas, 23 e 24 de novembro, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, iniciativa que se estenderá a outras vilas e cidades galegas.

E, por outro, o público. «As culturas precisan públicos e Culturgal quere loitar por el», sintetizou o director da feira, Camilo Franco. Así, está previsto levar a cabo máis dun centenar de actividades, ás que haberá que sumar outras tantas que se desenvolverán nos diferentes expositores que acudirán a esta cita, que xa suma noventa entidades.

Ramón Leiro

Entre estas, o Concello de Pontevedra, representado polo concelleiro Demetrio Gómez, e a Deputación, que programará actuacións musicais e de danza, ademais de obradoiros para a rapazada, baixo o lema +Provincia, +Cultura, anunciou a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias.

Nesta edición, e como novidade, habilitaranse cinco escenarios —Literatura, Música, Escénicas, Infantil e Arte—, que acolleran propostas moi variadas, dende recitais e presentacións ata proxeccións e concertos. Nomes como os de Bernardo Atxaga, Paula Carballeira, Jaione Camborda ou a Orquestra Galega de Liberación xa están confirmados nesta Feira das Culturas Galegas.

A este respecto, poesía e cómic serán terán un peso específico ao estar confirmada a presenza de voces como as de Helena de Carlos, Yolanda Castaño, María Lado, Oriana Méndez, Marga Tojo, Samuel L. París ou Dores Tembrás, mentres que o ciclo Ilustrando traerá ao Pazo da Cultura de Pontevedra para debuxar en vivo cunha tableta gráfica a un amplo abano de profesionais da banda deseñada galega, como Kiko da Silva, Fran Bueno, María Bren, Edi García, Miguel Robledo ou Laura Romero.

Xéneros mestizos

As novas propostas, aquelas que se engloban baixo a denominación dos xéneros mestizos, tamén terán o seu oco. A presentación do podcast de terror 13 Avisos. Historias para escoitar á noite, de Paula Carballeira, compartirá interese coa área de videoxogos, na que haberá competicións con producións galegas e unha exposición sobre a historia do videoxogo en Galicia. E todo isto sen esquecer o cinema. Culturgal exhibirá un avance de seis pezas cinematográficas que se estrearán no 2024, ao tempo que se proxectarán Honeymoon, O Corno ou Matria.

Neste eido, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, destacou que a Xunta volve ser a principal entidade patrocinadora desta feira sectorial, ao tempo que impulsará unha trintena de accións, incluíndo as que terán o seu epicentro no expositor institucional. Entre elas, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego presentarán a súa programación do 2024, que no caso deste último inclúe a celebración do seu 40 aniversario.